O Páramo instalará unha báscula para camións para facilitar o traballo do sector agrogandeiro

O Concello do Páramo contará cunha nova báscula unidireccional para a pesaxe de camións, unha infraestrutura coa que pretende facilitar o traballo do sector primario e reducir os desprazamentos que actualmente teñen que realizar os profesionais para acceder a este servizo noutros municipios.
O proxecto suporá un investimento total de 48.400 euros e contará cunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) de arredor de 38.700 euros, correspondente ao 80 % do custo. O Concello asumirá o importe restante, aproximadamente 9.600 euros.
A actuación forma parte dun proxecto orientado á promoción e posta en valor dos produtos agroalimentarios, tendo en conta o peso que as actividades agrícolas e gandeiras manteñen na economía local.
Precisamente, a forte vinculación do Páramo co sector primario está detrás da necesidade desta nova infraestrutura. Na actualidade, os profesionais que precisan realizar a pesaxe dos seus vehículos e mercadorías deben desprazarse a outros concellos, unha situación que implica percorrer maiores distancias e asumir custos adicionais.
A falta dunha báscula próxima supón tamén un incremento do tempo necesario para realizar estas operacións e, en consecuencia, repercute na produtividade das explotacións e empresas vinculadas ao sector.
Coa instalación deste equipamento no propio municipio, o Concello busca centralizar e axilizar as pesaxes de camións, permitindo que os usuarios dispoñan dun servizo máis próximo e evitando desprazamentos innecesarios.
A nova báscula pretende converterse así nun recurso de apoio á actividade económica do Páramo, especialmente para un sector agroalimentario que continúa tendo unha importante presenza no municipio.