O Parlamento pide que se permita plantar pataca nos concellos con baixa incidencia de couza

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Parlamento demanda ao Ministerio de Agricultura que permita a plantación de pataca nos concellos con baixa positividade de couza
Recollida de pataca
20 Nov 2021

O Parlamento de Galicia aprobou, sen o apoio do Grupo Socialista, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Agricultura que permita a plantación de patacas naqueles concellos cun número insignificante de positivos e delimitar as zonas de prohibición á parroquia ou parroquias afectadas pola couza guatemalteca. Neste sentido, o deputado popular Rubén Lorenzo avanzou que, “de acordo coa evolución da situación, é probable que a couza poida ser erradicada en Galicia no prazo de dous anos”.

Rubén Lorenzo lembrou que Galicia declarou oficialmente a presenza da praga da couza guatemalteca en novembro de 2015, establecendo medidas urxentes de control nos concellos de Ferrol, Narón e Neda. Posteriormente, a comezos de 2016 ampliouse as zonas afectadas aos concellos de Cervo, Foz, Xove, O Valadouro e Viveiro. Finalmente, e logo de realizar intensas campañas de prospección, en febreiro de 2017 ampliáronse as zonas afectadas ata 31 concellos das provincias de Lugo e A Coruña.

SEGUIR APLICANDO MEDIDAS

Ao longo destes últimos anos a Xunta levou a cabo numerosas accións para o control desta praga nos concellos afectados e evitar a súa expansión, ademais de dispor de indemnizacións para compensar a retirada e destrución das patacas das explotacións e dos almacéns. “Na actualidade, o traballo principal segue consistindo en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución das capturas e a dispersión da praga, constatando que a mellora é evidente pero que se debe seguir aplicando as medidas para conseguir a erradicación da couza”, apuntou.

Hoxe, os concellos dentro das zonas infestadas son 18 e neste ano só houbo capturas en cinco municipios. “As previsións apuntan a que a finais deste ano sairán das zonas infestadas a meirande parte dos concellos que teñen esa condición”, sinalou o deputado popular. 

“Diante desta situación, consideramos que pode ser un bo momento para que, sempre tendo en conta os datos técnicos, o Ministerio de Agricultura permita a plantación de patacas naqueles concellos cun número insignificante de positivos de couza guatemalteca e onde os datos de capturas nos indiquen un control e localización da praga, delimitando as zonas de prohibición á parroquia ou parroquias afectadas”, demandou Rubén Lorenzo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14670896530151