O parqué do pavillón do Chanto, en Sarria, será renovado
Este luns, Sarria celebrou a Xunta de Goberno onde se adxudicou a obra de renovación do pavillón polideportivo O Chanto. As actuacións consistirán na substitución do parqué que suporá un investimento de 93.875 euros por parte do Concello.
Esta actuación xa foi proposta anos atrás, porén esta non se levou a cabo despois de diferentes problemas coa empresa adxudicataria.
O proxecto acolle que esta actuación suporá unha renovación integral do parqué do pavillón co fin de aportar maior calidade e comodidade aos deportistas que fan uso desta instalación, desta forma o pavillón responderá aos estándares de calidade actuais.
Esta será a segunda actuación que vai sofrer esta instalación deportiva neste ano, xa que a principios de ano, renovou a súa cuberta xa que aínda que tan só tiña 20 anos, o tellado corría o risco de levantamento con fortes ventos e, ademais, coa choiva, producíanse goteiras no interior do edificio.