O Parque Móbil provincial contará cunha nova escavadora de cadeas de goma

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno adxudica tres actuacións na rede viaria provincial e aproba a compra dunha nova escavadora para o Parque Móbil
parque-mobil-deputacion
14 Aug 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde á adxudicación de tres proxectos de mellora en estradas provinciais situadas nos concellos da Pobra do Brollón, Vilalba e Rábade, cun investimento conxunto que rolda os 600.000 euros. As actuacións permitirán renovar diferentes tramos da rede viaria e mellorar as condicións de circulación e seguridade.

A actuación de maior contía desenvolverase na estrada LU-P-6513, en Vilalba, onde se investirán 289.222 euros para acondicionar preto de dous quilómetros de vía entre o punto quilométrico 2,125 e o 4,000, no tramo que comunica o municipio co límite provincial pasando por Momán. Os traballos incluirán a limpeza de cunetas, a renovación do firme con aglomerado en quente e a reposición da sinalización.

Na Pobra do Brollón, a Deputación destinará 219.303,81 euros á reparación integral da LU-P-4706, estrada que enlaza o núcleo de Pacios da Veiga coa parroquia de Santa Cruz do Incio. As obras contemplan a reapertura de cunetas, a corrección de danos existentes na plataforma e a repavimentación completa do vial.

Por outra banda, en Rábade executaranse melloras nos primeiros 300 metros da LU-P-5101, que comunica este concello con Friol. O investimento ascende a 62.900,69 euros e permitirá renovar o firme, instalar unha rigola para favorecer a drenaxe das augas pluviais e acondicionar este tramo urbano situado xunto ao cuartel da Garda Civil.

A previsión da institución provincial é que os tres proxectos conten cun prazo de execución de catro meses desde o inicio das obras.

Nova maquinaria para o Parque Móbil

Na mesma sesión, a Deputación aprobou a adquisición dunha nova escavadora de cadeas de goma destinada ao Parque Móbil provincial. O contrato foi adxudicado por preto de 155.000 euros e forma parte do plan de renovación da maquinaria empregado para os traballos de conservación e mantemento das estradas.

Segundo destacou o deputado de Vías e Obras, Manuel García Porto, a institución leva investidos este ano arredor de 1,5 millóns de euros na modernización do Parque Móbil co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta e a eficiencia dos servizos que presta aos concellos.

Axudas para as Reservas da Biosfera

A Xunta de Goberno aprobou tamén a listaxe provisional das entidades sen ánimo de lucro beneficiarias da segunda convocatoria de axudas para proxectos nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

A través desta liña de subvencións, a Deputación repartirá 150.000 euros entre 28 iniciativas orientadas á conservación e posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes espazos protexidos. A resolución provisional publicarase nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia.

0.11747193336487