O Pleno da Deputación aproba reclamacións á Xunta en emerxencias, lumes forestais e o prezo do leite

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes aprobou unha iniciativa socialista para reclamarlle á Xunta un cambio de modelo na xestión da prevención de lumes. Baseándose nos datos do 2025, que deixaron na provincia de Lugo 248 lumes que arrasaron 13.694 hectáreas de terreo, o PSdeG propón reformular o sistema. A iniciativa contou cos votos a favor dos socialistas, o BNG e o Deputado non adscrito, e os votos en contra do PP.
Ampliar a superficie incluída baixo a protección das faixas secundarias de xestión da biomasa, desenvolver plans de autoprotección e evacuación para todos os núcleos de poboación ou avanzar coa tramitación da nova Lei de loita integral contra os incendios forestais son algunhas das propostas que recolle o texto aprobado.
Tamén acordou instar á Xunta de Galicia a estudar a viabilidade dun novo modelo de emerxencias na Montaña. Así se acordou na sesión ordinaria tras a moción presentada polos socialistas, que reclama un reforzo do sistema público para garantir unha resposta eficaz en todo o territorio. A iniciativa saíu adiante co voto favorable do PSdeG, do BNG e do deputado non adscrito e os votos en contra do PP.
“É unha necesidade estrutural de seguridade pública nunha das zonas máis extensas, dispersas e vulnerables do noso territorio”, valorou a presidenta da institución, Carmela López, antes de entrar á sesión plenaria. Detallou que os tempos de resposta superan na actualidade os 60 minutos, “lonxe dos 30 recomendados”, o que nun contexto de alta dispersión poboacional e condicións orográficas complexas “supón unha limitación da capacidade de intervención e unha mingua evidente na protección de persoas e bens”.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que na actualidade, as comarcas da Montaña presentan unha solución especialmente preocupante. Á problemática exposta pola mandataria provincial súmase, engadiu Porto, “o abandono progresivo da actividade agropecuaria deu lugar a un incremento significativo da masa forestal” e á necesidade de protexer infraestruturas estratéxicas, como instalacións enerxéticas ou recursos turísticos e paisaxísticos de alto valor.
Sinalou a deputada que a provincia de Lugo conta só con cinco Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES): Friol, A Pontenova, Quiroga, Folgoso do Courel e Monterroso. E que o propio sistema de atención de emerxencias 112 Galicia ve limitada a súa eficacia pola falta de medios operativos próximos.
O texto socialista aprobado acordou, por unha parte, instar á Xunta de Galicia a estudar a maneira urxente e coordinada coa Deputación de Lugo, a viabilidade da creación dun parque de bombeiros na montaña lucense que permita garantir tempos de resposta eficaces e unha cobertura real do servizo nas zonas actualmente desatendidas; e por outra, analizar e avaliar as posibles fórmulas para reforzar o sistema de emerxencias, explorando entre outras opcións, a posible integración dos GES no Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento.
AS PROPOSTAS NACIONALISTAS
O pleno provincial tamén aprobou unha proposta impulsada polo BNG que insta á Xunta de Galiza a actuar fronte ás baixadas abusivas e unilaterais do prezo do leite por parte da industria.
O deputado Daniel García denunciou a “inoperancia” e “inutilidade” do goberno do Partido Popular ante a recente baixada de prezos imposta pola industria, de ata 8 céntimos por litro. “Agora din que revisarán todos os contratos, mais a industria non é parva, os contratos seguro que serán legais, pero as negociacións son abusivas e unilaterais e as ameazas de suspensión de recollida son reais como as das 4 granxas de Ribadeo”, lembrou.
O deputado e responsable de Rural no goberno provincial comparou o impacto da baixada das prezos en Galiza cos doutras partes do Estado para sinalar a responsabilidade da Xunta. “Os prezos do leite varían moito máis en Galiza que no resto do estado, mesmo agora, que a nosa baixada superou os 8 céntimos litro, en Asturias ou Cantabria foi moito menor. ¿Cómo se pode explicar que curiosamente sexa sempre en Galiza onde cobremos menos que no resto do Estado Español? É evidente que non existe capacidade de negociación real dos gandeiros coas industrias, que fan o que lles da a gaña coa complicidade do partido popular ao fronte da Xunta de Galiza”, denunciou.
O BNG reiterou tamén no pleno o seu rexeitamento á campaña de criminalización das traballadoras e traballadores emprendida polo Partido Popular con propostas como a de endurecer o acceso ás baixas laborais, anunciada por Alfonso Rueda.
A portavoz Iria Castro esixiu ao PP que pida desculpas ás traballadoras e retire unha propsota que, dixo, “fai da enfermidade un delito” e “segue engordando o negocio das mutuas”. A deputada esixiu ao goberno galego que “reforce o persoal da sanidade pública, especialmente en Atención Primaria, para garantir unha atención rápida e eficaz ás doenzas laborais” e “incremente as políticas de prevención de riscos laborais e vixilancia sobre a sinistralidade”
AS PROPOSTAS POPULARES
Os deputados do Grupo Provincial Popular instan a PSOE e BNG a que asuma, "dunha vez por todas", as súas competencias en materia de emerxencias e cumpra coas súas competencias.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, denunciou que, tras dúas décadas de xestión do PSOE e o BNG, a provincia atópase nunha situación de “vulnerabilidade máxima” debido á falta de medios e ao peche de unidades estratéxicas.
Ameijide criticou duramente a “desidia” do equipo de goberno, que permitiu a desaparición de tres unidades GES na Fonsagrada, Becerreá e Cervo. “Non só desatenderon as súas funcións, senón que durante anos utilizaron a mentira para culpar a outras administracións de competencias que a lei lles atribúe unicamente a vostedes”, sinalou.
O voceiro popular fixo especial fincapé nas recentes sentenzas xudiciais, entre elas a gañada polo Concello de Cervo, que deixan claro que a xestión dos servizos de protección civil e extinción de incendios en concellos de menos de 20.000 habitantes corresponde ás Deputacións Provinciais, segundo a Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia e a Lei de Bases de Réxime Local.
“As súas mentiras teñen as patas moi curtas. O xulgado volveulles dicir que están a incumprir as súas competencias. Xa non valen escusas nin intentos de desviar a atención con mocións de distracción”, afirmou.
Ameijide tamén fixo fincapé na necesidade de que a Deputación se poña a traballar para dar solución a todas as eivas detectadas nos parques de bombeiros, como son vehículos obsoletos ou goteiras nas zonas de descanso, entre outros. Neste senso, destacou a colaboración que realiza a Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo con “máis de 4M€ ao financiamento dos custes de funcionamento das agrupacións de voluntarios de protección civil e máis de 5,5M€/ano para cofinanciar o 52%dos gastos de funcionamento dos GES; así como o 50% dos custes de funcionamento dos 6 parques de bombeiros do Consorcio provincial”.
Afirman que cómpre reabrir os GES pechados, reforzando o seu cadro de persoal; un plan de mantemento de instalacións e vehículos e reforzar o persoal.