O pleno de Sarria debaterá catro mocións sobre urbanismo, cultura e servizos

O pleno ordinario do Concello de Sarria correspondente ao mes de xullo incluirá o debate de catro mocións presentadas polos distintos grupos políticos da corporación. O BNG defenderá unha iniciativa sobre as antigas vivendas dos mestres do CEIP Frei Luís de Granada; o Partido Popular presentará dúas propostas, unha para o acondicionamento e posta en valor do Paseo das Aceas e outra para axilizar a tramitación das licenzas municipais; mentres que o grupo de goberno, Contamos Camiña Sarria, reclamará á Xunta unha maior planificación e estabilidade nas axudas vinculadas ao Xacobeo destinadas ao sector cultural.
No caso da moción do BNG, os nacionalistas solicitan unha solución urxente para as antigas vivendas dos mestres, lembrando que esta actuación figuraba entre os compromisos do Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria (ADES), asinado por PP e Camiña Sarria, co compromiso de resolvela antes das eleccións municipais de 2027.
O 8 de outubro de 2025 a Consellería de Educación confirmou a inclusión da desafectación destes inmobles no seu plan de traballo, co obxectivo de derrubalalos e crear un parque ou praza pública aberta á veciñanza. A decisión foi comunicada tras unha reunión entre o conselleiro Román Rodríguez e as concelleiras do PP de Sarria. Porén, desde aquel anuncio non se produciron avances nin se informou á cidadanía da evolución do expediente, polo que os edificios continúan no mesmo estado de deterioro.

MOCIÓNS DO PP
Pola súa banda, o Partido Popular defenderá dúas mocións. A primeira reclama o acondicionamento, mantemento e posta en valor do Paseo das Aceas, un dos espazos naturais máis frecuentados do municipio. A formación considera necesaria unha intervención integral para corrixir as deficiencias existentes e garantir a seguridade das persoas que utilizan este roteiro para pasear, practicar deporte ou gozar da contorna. Os populares destacan que o Paseo das Aceas ten un importante valor para a veciñanza pola súa proximidade ao casco urbano e polo seu uso habitual como zona de lecer e actividade física. Con todo, denuncian que a falta dun mantemento continuado provocou un deterioro progresivo do espazo.
Entre os problemas detectados, o PP sinala a existencia de árbores caídas e de vexetación con risco de precipitarse sobre o camiño, así como elementos que xa invaden o leito do río. Ademais, advirte da necesidade de consolidar distintos puntos do terreo para evitar novos desprendementos que poidan afectar á estabilidade do paseo. A moción tamén sostén que a conservación das zonas verdes e dos espazos naturais do municipio debe responder a unha planificación preventiva e non limitarse a actuacións puntuais cando aparecen os problemas.
Por este motivo, a iniciativa inclúe tres propostas concretas: a execución dun plan inmediato de acondicionamento que contemple a retirada de árbores caídas, a limpeza dos desprendementos e o reforzo das marxes; a revisión e reparación ou substitución do mobiliario urbano e da sinalización deteriorada; e a elaboración dun calendario de mantemento periódico, con especial atención ao control da vexetación e á prevención de novos desprendementos.
A segunda insta ao goberno local a impulsar medidas que permitan axilizar a tramitación das licenzas municipais, co obxectivo de reducir os tempos de espera e mellorar a resposta administrativa a particulares e empresas.
CAMIÑA SARRIA
Finalmente, o grupo de goberno Camiña Sarria defenderá no próximo Pleno unha moción na que reclama á Xunta de Galicia unha maior planificación, transparencia e estabilidade nas axudas vinculadas ao Xacobeo destinadas ao sector cultural. A formación considera que o actual modelo de financiamento prexudica ás asociacións e promotores locais, especialmente nun concello como Sarria, un dos principais puntos de paso do Camiño Francés.
Segundo explica a moción, o programa O teu Xacobeo 2026 destinou unicamente 300.000 euros para entidades sen ánimo de lucro de toda Galicia, unha contía que, ao seu xuízo, resultou insuficiente para atender a demanda existente. Camiña Sarria asegura que todos os proxectos culturais presentados desde o municipio quedaron excluídos das axudas.
A formación considera que esta situación evidencia un modelo de política cultural "profundamente desequilibrado", no que se priorizan os grandes eventos fronte ás iniciativas de pequeno e mediano formato impulsadas desde o territorio. Neste sentido, lembra que as asociacións culturais, colectivos veciñais e promotores locais sosteñen durante todo o ano unha programación que dinamiza a economía, a hostalaría, o comercio e a actividade cultural da vila.
Camiña Sarria critica ademais que se trasladasen expectativas de apoio ás entidades locais sen que finalmente se materializasen, o que, ao seu xuízo, xera incerteza para organizacións que xa asumiran gastos e compromisos para sacar adiante os seus eventos.
A moción tamén defende que Sarria, pola súa relevancia dentro do Camiño de Santiago, debe recibir un apoio acorde ao seu peso cultural e turístico, e non limitarse a ser un referente nas campañas de promoción institucional sen un retorno efectivo para o tecido asociativo local.
Entre os acordos que a formación propoñerá ao Pleno figura manifestar o rexeitamento do Concello á exclusión dos proxectos culturais sarriáns do programa O teu Xacobeo 2026, así como reclamar unha solución inmediata mediante unha vía extraordinaria de financiamento que permita garantir a continuidade das iniciativas afectadas.
Ademais, solicita á Xunta de Galicia que faga pública toda a información relativa á convocatoria, incluíndo as solicitudes presentadas desde Sarria, a puntuación obtida, os criterios de valoración aplicados, os motivos da exclusión e a distribución territorial dos fondos concedidos.
Por último, insta ao Goberno galego a reformular o programa de cara ao ano 2027, incrementando a dotación económica, resolvendo as convocatorias con maior antelación e establecendo criterios que prioricen os concellos do Camiño e os proxectos promovidos por asociacións e entidades locais.