O pleno do Concello de Sarria volveu estar marcado pola situación do matadoiro

SarriaXa
Durante a sesión plenaria, aprobáronse as dúas mocións sobre o matadoiro do PP e do PSOE, así como tamén se aprobou a de melloras do barrio Mazadoiro e a das taxas do taxi
Concello-de-Sarria
29 Nov 2024

O pleno do Concello de Sarria volveu estar protagonizado pola tensión e os reproches dos partidos da oposición ao Goberno local de Camiña Sarria, concretamente á concelleira responsable do matadoiro, Geni Valcárcel.

Durante a sesión plenaria municipal, tanto o PSOE como o PP de Sarria presentaron mocións sobre o matadoiro municipal, esixindo, de novo, que se manteña aberto este servizo público para os carniceiros. Estas mocións foron aprobadas polos partidos da oposición. Ademais, a concelleira Geni Valcárcel compareceu na súa quenda de palabra para responder ás preguntas de Carmen José López e de Benjamín Escontrela.

Nun intercambio de interrupcións, que Escontrela cualificou de “circo”; Valcárcel defendeu a súa xestión á fronte do matadoiro municipal, explicando como foi o proceso para que o novo goberno asumira este servizo e que “Intervención non avisou sobre problemas nos pagos do matadoiro”, senón que lles avisou de que había unha disparidade con Provacuno, polo que pensaban que o erro viña destas facturas e non dos cobros do Concello. Polo que Geni culpou ao antigo Goberno da situación do matadoiro e defendeu que a única solución actual é un cambio de xestión, mentres que, agora mesmo, o matadoiro está en funcionamento despois de arranxarse a caldeira.

Ademais, Efrén Castro, portavoz do BNG, reprochoulle á concelleira non responder directamente as preguntas dos seus compañeiros e defendeu que o Concello de Sarria ten todas as posibilidades e as mans tendidas para manter este servizo municipal público; ao que Geni contestou que non ían “aceptar migallas”, xa que, explicou, o matadoiro ten problemas na caldeira, pero tamén nos corredores, ademais doutros, e os gastos que non se cubran coas axudas doutras institucións, “terán que ser asumidos polos veciños de Sarria e iso non é xusto. Nós pensamos en todo o pobo de Sarria, por iso defendemos un cambio de xestión”, defendeu.

Por outra parte, no pleno municipal tamén se presentaron outras dúas mocións, unha do PP sobre melloras no barrio do Mazadoiro, que foi aprobada polos tres partidos da oposición; e outra do PSOE, tamén aprobada, instando ao Goberno local a actualizar as tarifas do servizo de taxi en Sarria.

0.10734415054321