O pleno municipal aproba por unanimidade a moción do BNG, que reclama un Auditorio para Sarria

O Concello de Sarria celebrou onte o seu pleno municipal, no que se aprobou a solicitude de concesión demanial presentada pola empresa Espina & Delfín, S.L. para o uso privativo de bens de titularidade municipal co fin de instalar placas solares fotovoltaicas en inmobles municipais.
Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de explotación do servizo de abastecemento de auga potable, rede de sumidoiros e saneamento, depuración e mantemento de EDAR no Concello de Sarria.
Por outra banda, quedou sobre a mesa a ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de matadoiro, tras unha proposta do alcalde, Claudio Garrido, á espera de recibir a confirmación da Xunta sobre unha axuda económica que permitiría reducir os importes finais para os usuarios.
SARRIA QUERE AUDITORIO
Un dos puntos máis destacados do pleno foi a moción presentada polo BNG na que solicitaban a creación dun auditorio para o municipio. Na súa intervención, os nacionalistas argumentaron que "ninguén pode negar a riqueza e diversidade da actividade cultural de Sarria; xa que conta cun nutrido grupo de asociacións culturais, empresas relacionadas coa cultura, así como bandas musicais que promoven diferentes actuacións musicais, teatrais, etc.". Ademais, sinalaron que Sarria é o único municipio galego con máis de 10.000 habitantes que carece dunha instalación cultural axeitada.
Neste sentido, o BNG instou ao goberno municipal a "que, coa máxima brevidade posible, encargue un proxecto de auditorio que poida atender as necesidades de Sarria" e que, unha vez elaborado, "se poña en contacto coas diferentes administracións para conseguir financiamento". A moción foi aprobada por unanimidade, co respaldo de todos os grupos políticos.
A portavoz do PP, Carmen José López, subliñou que o auditorio é "unha materia pendente" e que debe contar cun aforo acorde ás necesidades reais do municipio. Pola súa banda, Benjamín Escontrela, portavoz do PSOE, lembrou que "hai anos falouse de mercar o cine Cissa, pero quedou en nada". Desde o goberno local, o concelleiro de Cultura, César No, asegurou que xa visitaron "distintos espazos" e están a valorar diversas opcións para presentar unha proposta viable.
MOCIÓNS DO PP, TAMÉN APROBADAS
Por outra banda, as dúas mocións presentadas polo PP saíron adiante cos votos a favor dos propios populares e coa abstención dos demais partidos políticos.
A primeira, que propoñía a elaboración dun plan municipal ante o risco de inundacións, foi apoiada polo PSOE, pero tanto Camiña Sarria como o BNG abstivéronse. Desde o BNG criticaron que o PP reclamase este plan cando a Xunta, gobernada polos populares, permitiu construír en zonas inundables.
Pola súa banda, Camiña Sarria argumentou que xa existen plans para abordar este tipo de riscos e que o PP debería apoialos en lugar de presentar unha moción independente. Con todo, o PSOE apoiou a iniciativa, lembrando que Sarria é a cidade da provincia con maior risco de inundacións segundo os informes técnicos.
A segunda moción do PP, que solicitaba a instalación de cargadores de vehículos eléctricos e a bonificación no imposto de circulación, tamén foi rexeitada. Neste caso, todos os grupos políticos abstivéronse, excepto o PP, que a defendeu en solitario. A falta de viabilidade da proposta en Sarria foi o principal argumento esgrimido polo resto de formacións para xustificar a súa postura.