O PP critica a falta de respostas do Goberno de Sánchez sobre os accesos ao barrio do Oural en Sarria

O Partido Popular condena a “falta de vontade” do Goberno de Pedro Sánchez para atender as demandas dos veciños do Oural, en Sarria, polas queixas relativas ao mal estado dos accesos ao barrio e á estación de tren debido ás obras de supresión dos pasos a nivel ferroviarios.
Os senadores por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, advirten ademais de que o Goberno non concreta que medidas vai adoptar nin en que datas, segundo a resposta oficial remitida ás preguntas formuladas polos populares na Cámara Alta a petición do PP de Sarria.
En relación coa reposición dos accesos e servizos afectados, o Executivo central sinala que eses traballos deberán ser acometidos nesta fase final da obra, aínda que non ofrece prazos concretos, unha ausencia de calendario que os senadores do PP consideran especialmente preocupante.
Os populares critican que o Goberno non estea a adoptar medidas para reducir os inconvenientes que sofren a diario os veciños e veciñas polas obras, nin tampouco ofreza unha data nin especifique que actuacións ten previsto executar para restablecer uns accesos axeitados, tamén para vehículos de gran tamaño, co obxectivo de mellorar a loxística dos servizos básicos, a actividade económica local e a mobilidade da zona.
O PP de Sarria leva tempo reclamando a construción dun acceso amplo á estación de Oural e ás vivendas da contorna para evitar que queden illadas e dispoñan dunha comunicación acorde coas necesidades actuais. Segundo denuncian, as queixas veciñais polo estado da vía de acceso foron continuadas e non recibiron resposta efectiva ao longo do tempo. A pesar da resposta oficial do Goberno, sosteñen que a realidade actual é que a zona segue en mal estado e sen avances visibles que garantan as melloras demandadas.