O PP de Láncara critica a xestión municipal e denuncia restricións ao labor da oposición

SarriaXa
Olga Capón reprocha a convocatoria da Comisión de Contas con escaso tempo e acusa ao alcalde de actitude prepotente e falta de planificación
Olga-Capón-PP-de-Láncara
2 Jun 2026

O Partido Popular de Láncara censurou a “falta de respecto constante” que, segundo sinalan, exerce o alcalde cara a quen desenvolve o labor de oposición, así como unha actitude que cualifican de “prepotente e autoritaria” por parte do rexedor socialista.

A portavoz popular, Olga Capón, pediu que constase en acta o desacordo do seu grupo pola decisión do alcalde de convocar a Comisión Especial de Contas apenas media hora antes da celebración do pleno ordinario. A reunión estaba fixada para as 19.30 horas do xoves 28 de maio, pero finalmente comezou con dez minutos de atraso e prolongouse só durante uns vinte minutos. Segundo trasladou a edil, o alcalde respondeu con ironía ao ser advertido do escaso tempo, afirmando que se convocaría igual o ano seguinte e nos posteriores.

O PP sostén que esta situación limita o labor da oposición, xa que non dispuxeron de tempo suficiente para analizar e ditaminar a Conta Xeral do Concello correspondente ao exercicio 2025, un expediente que describen como complexo e con numerosas magnitudes económicas que requiren aclaracións. Por este motivo, o grupo popular optou pola abstención.

Capón asegura que a intención do alcalde sería reducir o tempo de debate para evitar preguntas da oposición e engade que non considera casual a forma de convocatoria, lembrando que na comisión anterior foi increpada e non recibiu resposta ás cuestións formuladas.

A portavoz popular tamén sinala que levan dende 2024 solicitando por rexistro, ata en tres ocasións, un local para o grupo municipal sen obter resposta, unha petición que tamén foi trasladada ao pleno.

O PP critica ademais o trato recibido no exercicio da oposición, asegurando que cando preguntan ou fiscalizan atopan “desprezos e evasivas”, e reprochan ao goberno local unha xestión que describen como “sen planificación nin organización”. Afirman tamén que existen actuacións repetidas, fondos doutras administracións que non se xestionan correctamente e reparos de intervención por posibles incumprimentos orzamentarios ou legais.

Para os populares, maioría absoluta non debería significar gobernar sen explicacións, e insisten en que a súa función é controlar todo o que afecta ao presente e ao futuro do municipio.

0.11119294166565