O PP de Láncara denuncia irregularidades na xestión económica municipal reflectidas na Conta Xeral de 2025

SarriaXa
Os populares critican o abuso dos contratos menores, os reparos reiterados de Intervención e a falta de execución de parte das obras previstas no orzamento
Pleno-Láncara-xullo-2026-PP
5 Aug 2026

O Partido Popular de Láncara denunciou a “falta de control” na xestión económica do Concello por parte do alcalde e do goberno socialista, asegurando que numerosos gastos municipais non se axustan ao establecido pola normativa vixente. A formación basea as súas críticas no informe de Intervención relativo á Conta Xeral do exercicio 2025, no que se recollen distintas “anomalías” e reparos que, segundo indican, se repiten de forma reiterada nos últimos anos.

A portavoz popular, Olga Capón, explicou que os reparos emitidos por Intervención non son exclusivos do exercicio 2025, senón que tamén se viñan producindo en anualidades anteriores. Entre as cuestións sinaladas figura o uso recorrente de contratos menores para servizos e subministracións que, ao tratarse de necesidades permanentes, deberían saír a licitación pública.

Desde o PP subliñan que o propio servizo de Intervención advirte da importancia de cumprir coa normativa que regula a contratación pública e alerta da necesidade de licitar aqueles servizos que superen os límites establecidos para os contratos menores.

Os populares tamén fan referencia aos reparos relacionados con gastos realizados sen expediente de contratación, obras executadas sen memoria técnica ou actuacións para as que non existía consignación orzamentaria. Neste sentido, Capón criticou a forma de actuar do goberno local ao considerar que se realizan obras sen a tramitación correspondente e que posteriormente chegan facturas para as que non existen fondos previstos.

A formación tamén apunta aos reparos vinculados á contratación temporal de persoal e ao pagamento de determinadas indemnizacións laborais, cuestións que, segundo sinalan, evidencian a necesidade de aprobar unha Relación de Postos de Traballo que permita regular estas situacións.

O PP lamenta que o goberno local non atenda as recomendacións realizadas desde Intervención en materia de planificación económica, contratación e organización do persoal. Ademais, critica que o concelleiro de Facenda restase importancia ás observacións recollidas no informe durante o último pleno, no que a Conta Xeral foi aprobada cos votos favorables do PSOE e do BNG.

Os populares optaron pola abstención na votación ao considerar que non poden respaldar a xestión económica desenvolvida polo executivo local. Tamén censuran que a comisión informativa sobre este asunto fose convocada apenas media hora antes da celebración do pleno.

Por último, o PP asegura que durante 2025 non se executaron todas as obras previstas nos orzamentos municipais e cuestiona a calidade dalgunhas das actuacións realizadas. Como exemplo, cita varias estradas municipais da zona da montaña, nas que considera insuficiente o firme e a drenaxe, así como a vía que comunica Saa co Busto, na parroquia de Cedrón, que cualifica de perigosa para a veciñanza.

0.11803603172302