O PP de Láncara denuncia o abandono de espazos e infraestruturas para maiores, mozos e nenos

O PP de Láncara acusa o Goberno local de incumprir compromisos adquiridos con maiores, mozos e nenos e de non desenvolver medidas para mellorar os servizos e espazos destinados a estes colectivos. A portavoz popular, Olga Capón, cualifica a situación de "fracaso das políticas do goberno local" e cuestiona a falta de alternativas de ocio, encontro e atención no municipio.
No ámbito da xuventude, Capón sinala que tres anos despois do compromiso de crear un espazo para os mozos e mozas, o Concello chegou a levar dúas veces ao Pleno unha proposta para destinar 6.000 euros do remanente de Tesourería ao acondicionamento dun caseto situado na vía do tren, na Pobra de San Xiao, para convertelo nun local xuvenil. Segundo denuncia, a actuación finalmente non se executou.
A portavoz do PP considera que os mozos e mozas "non dispoñan de ningún espazo de xuntanza" e apunta tamén ás condicións das áreas fluviais do municipio. Segundo asegura, a falta de acondicionamento e de piscina nas praias fluviais fai que os rapaces e rapazas opten por desprazarse a Baralla, O Corgo ou Sarria.
Capón critica ademais o estado do Camiño Real, que conta cun tramo á beira do río Neira entre Carracedo e Bande que, segundo os populares, permanece sen rozar, o que dificultaría o seu aproveitamento para actividades como o ciclismo. "Non teñen alternativas no municipio", resume.
No caso dos nenos e nenas, o PP asegura que tampouco se crearon os novos parques infantís anunciados e que durante o verán non se programaron actividades na praza dos Labregos. A formación tamén cuestiona que non se puxesen en marcha iniciativas para xestionar postos de bebidas ou xeados nas proximidades das áreas fluviais da Pobra de San Xiao e Láncara, cuxo estado tamén critica.
Os populares estenden estas acusacións a outros espazos naturais do municipio. Capón sinala a área de Marzán e outras zonas situadas xunto a pequenos ríos como lugares que, segundo denuncia, permanecen abandonados durante boa parte do ano.
Críticas ao funcionamento do SAF
O PP tamén centra parte das súas críticas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e no cumprimento dos compromisos electorais do PSOE para melloralo. Capón asegura que as auxiliares levaban tempo reclamando cobrar o quilometraxe establecido no convenio e que non foi ata que o PP levou esta cuestión ao Pleno, en marzo, cando comezaron a percibir as cantidades que, segundo a formación, lles correspondían.
A portavoz popular explica que o contrato asinado entre o Concello e a empresa en setembro do ano pasado establecía que só oito auxiliares cobrarían 0,26 euros por quilómetro, mentres que o resto continuarían por debaixo do establecido no convenio.
Capón critica tamén a situación do servizo durante os períodos vacacionais. Segundo denuncia, as horas de atención das persoas maiores volven reducirse durante as vacacións, mentres as auxiliares teñen que cubrir as ausencias e realizar máis quilómetros. Os populares lembran que o Informe de Amigabilidade cos Maiores xa advertía da falta de persoal e consideran que o problema continúa sen resolverse.
O Informe de Amigabilidade cos Maiores
O PP tamén cuestiona a aplicación das conclusións do Informe sobre Amigabilidade cos Maiores de Láncara, que, segundo os populares, detecta problemas relacionados coa mobilidade, a conectividade e a escaseza de persoal de axuda no fogar.
Capón asegura que preguntou nun Pleno á concelleira Alba Sangil, responsable de aplicar as recomendacións deste informe, que supuxo un gasto de 7.200 euros para o Concello, polas medidas previstas, e que a resposta foi que non había actuacións programadas.
A portavoz popular considera "curioso" que entre as fortalezas identificadas polo estudo figure o papel da comunidade, dos pequenos comercios e das asociacións veciñais, ao entender que se trata de elementos que non dependen directamente do Concello.
Os populares aseguran ademais que algunhas das propostas recollidas no informe xa foran formuladas previamente polo propio PP, entre elas o fomento da socialización nas parroquias. Neste sentido, Capón denuncia que actualmente non se ofrecen actividades accesibles para persoas maiores con dificultades de mobilidade.
Outra das cuestións que reclama é a creación de alternativas de transporte para as persoas maiores que viven nas parroquias e necesitan desprazarse ao centro urbano para realizar xestións. Segundo sinala, hai veciños que dependen doutras persoas ou do autobús para acudir ao médico ou facer outros trámites.
Finalmente, o PP lembra que tamén propuxo un plan para desbrozar as marxes das estradas municipais e acondicionar espazos públicos nas parroquias destinados ao encontro e descanso das persoas maiores durante os seus paseos. Capón pon como exemplo a existencia de marquesiñas e bancos que, segundo denuncia, están abandonados, así como varias antigas escolas rurais, entre elas a de Vilouzán.