O PP de Sarria formula unha moción para a reconstrución da ponte Ribeira

SarriaXa
Dende o Grupo Municipal do PP de Sarria formulan, para debater e aprobar no vindeiro Pleno da Corporación unha moción sobre a ponte Ribeira.
ponte ribeira sarria
ponte ribeira sarria
30 Xul 2021

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria formulan, para debater e aprobar no vindeiro Pleno da Corporación, unha moción sobre a ponte Ribeira.

Dende o Partido Popular sempre se estivo a favor da construción da ponte Ribeira "foi no noso goberno municipal cando se denunciou e paralizou dita reconstrución, alegando un delito patrimonial, nunha denuncia xudicial que resultou arquivada, con intervención directa na mesma, de membros do goberno municipal actual de Camiña Sarria".

Así mesmo, tamén engaden que existiu unha segunda paralización cando o Concello dispoñía dun proxecto de reconstrución con todos os informes sectoriais favorables e finalización suficiente para a execución da obra.

De feito, según sinalan os populares, xa en 2019 se aprobara unha moción no pleno -con votos a favor do PSdeGa e coa abstención do BNG- na que instaba a execución do proxecto aprobado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que se procedera á construción inmediata da ponte.

"Dous anos despois o goberno municipal non cumpriu e o alcalde leva meses e meses mentindo, tralo desvío de fondos da ponte Ribeira para a adquisición dunha nave para gardar maquinaria do Concello", denunciaron dende o PP.

Así pois, continúan explicando que o actual alcalde anunciou diferentes tramitacións, execucións e proxectos que ao final, "non se levaron a cabo e son máis de sete anos sen ponte".

Por esta razón, dende o PP instan a votación que se execute de forma inmediata o proxecto de reconstrución da ponte Ribeira, coas pequenas modificacións técnicas que foran precisas, licitadas no anterior mandato coa conseguinte reapertura do tráfico rodado na rúa Peregrino. Ademais, instan á Xunta de Galicia a cofinanciación de dita obra, para que poida levarse a cabo da forma máis rápida posible, reorientando os fondos do convenio coa Deputación de Lugo.

0.054615020751953