O PP de Sarria leva ao pleno propostas para recuperar o parque do Chanto e ampliar o saneamento en Farbán

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria presentará dúas mocións para o seu debate no pleno municipal previsto para o vindeiro 2 de xullo. As iniciativas estarán centradas na recuperación integral do parque do Chanto e da súa praia fluvial, así como na ampliación da rede de saneamento na parroquia de Farbán.
No caso da primeira proposta, os populares buscarán que o Goberno local dea os primeiros pasos para impulsar a recuperación do parque do Chanto e da súa contorna fluvial, un espazo que consideran parte esencial da memoria colectiva da vila. O grupo lembra que desde a súa configuración durante a década dos anos 60 este parque foi unha das principais zonas de lecer da localidade, converténdose nun enclave destacado xunto ao río.
Con todo, sinalan que a situación actual da zona está marcada polo deterioro de diferentes infraestruturas e pola falta de actuacións que permitan a súa recuperación. Entre os elementos que consideran máis afectados destacan o edificio do antigo restaurante, os baños e a perda da condición de zona de baño da praia fluvial.
Desde o PP indican que en diferentes ocasións xa se aprobaron acordos plenarios orientados a promover unha recuperación integral deste espazo, aínda que consideran que as intencións expresadas ata o momento non se traduciron en avances reais. Neste sentido, sosteñen que os acordos institucionais deben ir acompañados de xestión administrativa e de actuacións concretas.
Os concelleiros populares recoñecen que calquera intervención nunha contorna fluvial presenta unha importante complexidade técnica e xurídica, xa que implica a participación de distintos organismos con competencias na materia, entre eles a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Porén, advirten de que estas dificultades non deben converterse nun argumento para paralizar ou abandonar o obxectivo de recuperación.
Precisamente pola duración e esixencia dos procedementos administrativos, o grupo considera necesario iniciar xa as xestións previas. Explican que para que organismos como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou a Xunta de Galicia poidan autorizar futuras actuacións no río e nas instalacións do parque, resulta imprescindible presentar propostas concretas e abrir unha canle de diálogo institucional.
A moción defenderá que o Goberno municipal inicie consultas previas cos organismos competentes, estableza a interlocución necesaria coas administracións implicadas e poña en marcha unha planificación técnica destinada a elaborar un plan que cumpra coa normativa e cos requirimentos ambientais e sectoriais, co obxectivo de facilitar a recuperación do espazo e dos elementos que forman parte del.
Xunto a esta iniciativa, o Partido Popular tamén levará ao pleno unha segunda moción para reclamar a ampliación da rede de saneamento á parroquia de Farbán, unha actuación coa que buscan mellorar os servizos básicos e as infraestruturas desta zona do municipio.