O PP de Sarria leva ao pleno unha moción para mellorar as infraestruturas rurais en Fontao de Arriba

SarriaXa
A iniciativa pide actuacións urxentes en camiños, drenaxe e pavimentación tras reunirse coa veciñanza da zona
PP-Fontao-de-Arriba-Sarria
28 May 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria presentará no vindeiro pleno unha moción co fin de impulsar melloras nas infraestruturas rurais da contorna de Fontao de Arriba, tras o encontro mantido coa veciñanza da zona. A proposta céntrase en dar resposta aos problemas de conservación dos camiños, así como ás deficiencias na drenaxe e na evacuación de augas que están a afectar ás vías públicas deste ámbito.

Desde o PP sinalan que esta iniciativa forma parte da súa liña de traballo baseada en recoller as demandas e preocupacións trasladadas directamente pola veciñanza das distintas parroquias e barrios de Sarria. Neste sentido, destacan que a súa responsabilidade como representantes públicos pasa por escoitar á cidadanía, canalizar as súas peticións e procurar solucións que melloren o día a día nos diferentes núcleos do municipio, advertindo de que o deterioro da zona fai necesaria a adopción de medidas urxentes.

A moción detalla que Fontao de Arriba presenta na actualidade un estado de deterioro especialmente grave nos camiños municipais. A deficiente canalización das augas pluviais e a ausencia dun sistema de drenaxe adecuado provocan que, durante os episodios de choiva, se produza unha acumulación e estancamento da auga sobre a calzada e nas marxes das vías. Esta situación contribúe ao debilitamento progresivo do firme e mesmo á perda do pavimento en determinados puntos, afectando de maneira directa á mobilidade dos veciños que empregan estes accesos para chegar ás súas vivendas e propiedades. Os populares subliñan que o Goberno municipal debe actuar con dilixencia antes de que os camiños queden inutilizables.

Con este obxectivo, o texto presentado ao pleno recolle tres liñas principais de actuación: a execución inmediata de traballos de arranxo, rebaixe e bacheo nos camiños afectados, coa reposición do pavimento nas zonas onde desapareceu; a mellora integral da drenaxe mediante a limpeza e recuperación das cunetas, incorporando solucións adicionais para a correcta evacuación das augas e evitar o seu estancamento; e, finalmente, a planificación dun proxecto de pavimentación e mellora que permita dar unha solución estrutural e duradeira aos problemas derivados das escorreduras.

0.11219787597656