O PP de Sarria pide un plan para solucionar os problemas de abastecemento de auga no rural

O Partido Popular de Sarria levará ao vindeiro Pleno unha proposta para reclamar medidas que permitan resolver as dificultades de abastecemento de auga detectadas en varias zonas do municipio, especialmente nas parroquias rurais. A iniciativa pretende ofrecer unha resposta ás incidencias actuais e establecer unha planificación que evite problemas similares no futuro.
Segundo explica Carmen José López, o partido está a recibir queixas reiteradas de residentes en distintas parroquias polas dificultades para dispoñer de auga. "Nos últimos tempos, veciños de distintas parroquias están a trasladarnos de forma recorrente as dificultades que sofren para garantir a dispoñibilidade de auga. Trátase de núcleos que, en moitos casos, dependen de traídas veciñais ou de pozos particulares, sistemas que poden verse comprometidos polos períodos de seca e as condicións climatolóxicas", sinala.
Esta problemática xa se abordou anteriormente nas sesións plenarias, como ocorreu no caso de Callás. Porén, a aparición de novas incidencias en lugares como Vilapedre, Maside ou Goián leva os populares a reclamar unha actuación conxunta, que non se limite a intervir cando xorde unha avaría ou unha situación puntual.
Desde o PP defenden que o Concello debe atender as necesidades máis urxentes e, ao mesmo tempo, deseñar unha solución a longo prazo que permita mellorar e estender o servizo de abastecemento aos núcleos que o precisen.
A moción propón elaborar un plan que estableza as prioridades e os prazos de execución, analice a posibilidade de ampliar a traída municipal e contemple a renovación das infraestruturas existentes, ademais doutras alternativas adaptadas ás particularidades de cada lugar.
A proposta tamén inclúe a posta en marcha dun protocolo para responder ante episodios de escaseza ou cortes na subministración, así como o reforzo da colaboración coas comunidades responsables das traídas veciñais.
Outra das cuestións que consideran fundamentais é reunir información actualizada e elaborar os estudos necesarios para solicitar o apoio doutras administracións e conseguir financiamento para executar as intervencións que se determinen.
Os populares cualifican esta cuestión de necesidade básica e defenden que "Sarria debe avanzar cara a unha solución planificada que permita atender os problemas actuais, anticiparse ás futuras dificultades e mellorar progresivamente o abastecemento no rural".