O PP de Sarria presenta dúas mocións para reclamar melloras en estradas e no abastecemento de auga

SarriaXa
O grupo popular levará ao pleno demandas sobre o estado de vías provinciais e a falta de conexión á traída municipal en Callás de Abaixo
mellora-estradas-Concello-de-Sarria
29 Apr 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria vén de rexistrar dúas mocións que serán debatidas no pleno municipal de abril, previsto para este xoves, 30 de abril, ás 19:30 horas.

A través destas iniciativas, a formación pretende que a corporación municipal reclame solucións a deficiencias en infraestruturas básicas, tanto de titularidade provincial como municipal, que, segundo denuncian, afectan ao día a día e á seguridade da veciñanza.

A primeira das propostas céntrase no estado de conservación de varias estradas dependentes da Deputación de Lugo que vertebran o municipio. O PP denuncia a presenza de fochancas, firmes deteriorados e unha falta de mantemento xeral que, segundo afirman, se prolonga no tempo sen solucións definitivas. Por iso, piden que o organismo provincial acometa reparacións urxentes e estableza un mantemento continuado.

Entre os exemplos citados polos populares atópase a estrada de Céltigos (LU-P-5701), cuxo deterioro consideran un risco diario para os usuarios. Tamén mencionan a LU-P-5714, especialmente afectada no seu tramo urbano, con afundimentos no inicio da rúa Xela Arias. A estas súmanse as vías LU-P-5709 e LU-P-5710, que, segundo o grupo municipal, presentan igualmente un notable estado de abandono.

O PP de Sarria sinala que a corporación debe defender os intereses da veciñanza e esixir á Deputación o cumprimento das súas competencias, evitando, segundo indican, “mirar para outro lado” ante esta situación.

A segunda moción céntrase no abastecemento de auga en Callás de Abaixo. Neste caso, o grupo popular traslada a demanda dos veciños da zona de Callás, onde as vivendas e naves situadas na franxa da estrada de Piñeira carecen actualmente de conexión á traída municipal, dependendo exclusivamente de pozos e captacións particulares.

A formación solicita ao Goberno local un compromiso para impulsar as infraestruturas hidráulicas necesarias que permitan a conexión á rede, destacando que a traída de auga se atopa a escasos metros destas propiedades. O PP defende que dotar de servizos e infraestruturas a todo o municipio é clave para fixar poboación e coidar do medio rural.

0.13111805915833