O PP de Sarria propón recuperar actividades para as persoas maiores cun programa de envellecemento activo

SarriaXa
A moción que levará ao Pleno busca ampliar a oferta municipal, combater a soidade non desexada e estender as iniciativas tanto ao núcleo urbano como ás parroquias rurais
PP-Sarria
29 Oct 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria presentará no Pleno deste xoves unha moción para poñer en marcha un programa municipal de envellecemento activo que amplíe as actividades e os servizos destinados ás persoas maiores. A proposta pretende fomentar o benestar físico e cognitivo, reforzar a autonomía persoal e favorecer as relacións sociais e a participación na vida comunitaria.

A iniciativa contempla unha programación estable durante todo o ano que permita recuperar e ampliar actividades que foron suprimidas, como a ximnasia de mantemento e os talleres de memoria e estimulación cognitiva. Tamén propón incorporar propostas culturais, recreativas e formativas, así como organizar saídas para fomentar a convivencia e o contacto social.

Segundo explica o PP, a proposta xurdiu tras un encontro con usuarios do centro de maiores Breogáns, no que se trasladaron distintas demandas e preocupacións. Os populares defenden que a atención a este colectivo debe ir máis alá das necesidades asistenciais e ofrecer oportunidades para manter unha vida activa, autónoma e socialmente participativa.

A moción tamén aposta por unha maior implicación do Concello na planificación e coordinación das actividades, en colaboración cos centros de maiores, as asociacións e as entidades sociais. Ademais, reclama que a programación chegue tanto ao núcleo urbano como ás parroquias rurais e que conte cos recursos necesarios para garantir a súa continuidade, explorando posibles vías de financiamento e colaboración.

Combater a soidade non desexada

O Partido Popular vincula esta iniciativa coa proposta que xa presentou anteriormente no Pleno para abordar a soidade non desexada. A formación considera fundamental promover espazos de encontro, actividades compartidas e iniciativas que contribúan a reforzar os vínculos sociais das persoas maiores.

A través desta nova moción, o PP defende a necesidade de escoitar as preferencias e demandas deste colectivo, establecer mecanismos de colaboración coas entidades sociais e desenvolver políticas municipais adaptadas ás súas necesidades. O obxectivo, segundo sinala, é recoñecer a contribución das persoas maiores á sociedade e ofrecerlles máis oportunidades para vivir esta etapa con autonomía, benestar e participación.

0.15914297103882