O PP de Sarria reclama á Deputación o arranxo urxente do afundimento da rúa Xela Arias

O Partido Popular de Sarria levará este xoves ao pleno municipal unha moción para reclamar á Deputación de Lugo o arranxo urxente do afundimento rexistrado na rúa Xela Arias, no tramo urbano da estrada provincial LU-P-5714. Os populares lembran que xa denunciaron esta situación no mes de xullo e que, desde entón, non se adoptaron medidas efectivas para solucionar o problema.
A portavoz municipal do PP, Carmen José López, sinala que a vía permanece valada desde hai meses, unha situación que está a provocar molestias aos veciños e que pode supoñer un risco para vehículos e peóns. "Tememos que as valas e os sinais se convertan en algo permanente", advertiu.
A formación lembra que o pleno municipal xa aprobara por unanimidade unha proposta do PP na que se instaba á Deputación a reparar e manter as estradas da súa titularidade ao seu paso por Sarria, con especial atención a este tramo.