O PP denuncia o afundimento da rúa Xela Arias e reclama á Deputación unha actuación urxente

O Partido Popular denunciou o afundimento rexistrado na rúa Xela Arias, correspondente ao tramo urbano da estrada provincial LU-P-5714, e reclamou á Deputación de Lugo que actúe de forma urxente para reparar esta e o resto das vías da súa titularidade no termo municipal de Sarria.
O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, visitou a zona acompañado polo deputado Héctor Corujo, a portavoz do grupo municipal, Carmen José López, e outros concelleiros da formación. Durante a visita, Ameijide asegurou que "nada cambiou na Deputación de Lugo coa nova presidenta" e sostivo que a rede viaria provincial "continúa en mal estado".
O popular afirmou que "a seguridade dos veciños e veciñas non parece ser unha prioridade para esta presidenta nin para o goberno provincial do que Efrén Castro é vicepresidente", en referencia ao estado das estradas dependentes da institución provincial.
Pola súa banda, Carmen José López lembrou que o PP xa advertira anteriormente da situación da LU-P-5714 sen que, segundo indicou, se adoptasen medidas efectivas para evitar riscos para vehículos, peóns e residentes da contorna. Ademais, recordou que o Pleno do Concello aprobou por unanimidade unha proposta do Grupo Municipal Popular na que se instaba á Deputación a reparar e manter as vías da súa titularidade ao seu paso por Sarria, facendo especial fincapé neste tramo urbano.
A portavoz popular sinalou que a rúa Xela Arias leva varias semanas valada, unha situación que, ao seu xuízo, está a provocar importantes molestias aos veciños. Neste sentido, advertiu de que "tememos que as valas e os sinais se convertan en algo permanente" se non se actúa con rapidez.
O PP estendeu tamén as súas críticas ao estado doutras estradas provinciais do municipio, como a LU-P-5709, a LU-P-5710 e a LU-P-5701, que comunica coa parroquia de Céltigos. Segundo Carmen José López, estas vías presentan un importante deterioro que ocasiona prexuízos aos seus usuarios. "Non é un caso illado. Fai anos que están en mal estado, pero PSOE e BNG parecen mirar para outro lado", concluíu.