O PP leva ao Senado o abandono da estación ferroviaria de Moscán e reclama a súa posta en servizo

O Partido Popular da provincia de Lugo denunciou o estado de abandono que, ao seu xuízo, sofre a estación ferroviaria de Moscán, situada no municipio do Páramo, e anunciou a presentación de dúas preguntas escritas no Senado para que o Goberno de España dea explicacións sobre a situación desta infraestrutura e sobre a adaptación da súa denominación á realidade territorial.
Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, acompañados polo alcalde do Páramo, Benjamín García, ofreceron unha rolda de prensa nas inmediacións da estación para visibilizar unha situación que cualificaron como un exemplo do “progresivo desmantelamento dos servizos ferroviarios no rural galego”.
Os representantes populares aseguraron que a estación foi construída, pero nunca chegou a utilizarse, polo que cuestionaron os motivos polos que se realizou un investimento público nunha infraestrutura que permanece sen uso. Na súa opinión, esta decisión priva aos veciños dun servizo ferroviario e supón desaproveitar unhas instalacións de titularidade estatal.
A través da primeira iniciativa rexistrada no Senado, o Grupo Popular solicita ao Executivo que explique por que a estación de Moscán non presta actualmente servizo de viaxeiros nin efectúan parada nela os trens que circulan pola liña. Tamén reclama información sobre os traballos de conservación e mantemento que ADIF realiza nas instalacións, a súa periodicidade e o investimento destinado a estes labores durante os últimos oito anos.
Os senadores consideran necesario coñecer se o Estado continúa destinando recursos públicos ao mantemento dunha estación que permanece inutilizada para a cidadanía e demandan unha planificación que permita recuperar a súa actividade para poñela ao servizo dos veciños do Páramo e da súa contorna.
A segunda das preguntas rexistradas fai referencia á denominación da estación, que segue vinculada a outro municipio, unha circunstancia que, segundo o PP, xera confusión e dificulta a correcta identificación da súa localización. Neste sentido, lembraron que o Pleno do Concello do Páramo aprobou solicitar formalmente a ADIF e ao Goberno de España o cambio de nome da estación para adecualo ao municipio no que realmente se atopa.
Por este motivo, os populares preguntarán ao Goberno se ten previsto modificar a denominación da estación para cumprir co acordo adoptado pola corporación municipal. No caso de que non contemple esa posibilidade, reclamarán que explique os motivos polos que non atende esta petición institucional.
O PP defendeu que ambas iniciativas buscan garantir un trato xusto para o rural lucense e defender os intereses do municipio. Así mesmo, criticou que o Goberno de Pedro Sánchez desatenda as infraestruturas ferroviarias da provincia e reclamou a recuperación dos servizos, un mellor aproveitamento dos recursos públicos existentes e unha resposta ás demandas formuladas polas administracións locais.
"O Páramo merece contar cunhas infraestruturas ferroviarias útiles e cunha estación correctamente identificada co municipio no que realmente se atopa. O Goberno de Sánchez ten a obriga de ofrecer explicacións e, sobre todo, de actuar", concluíron os senadores populares.