O PP levará ao Pleno os pagos da defensa de Tomé ante as acusacións de agresión sexual

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Presidencia da Deputación de Lugo nega que se decidise pagar a defensa de José Tomé e acusa ao PP de difundir información incorrecta
ameijide-demetrio-e-josito-friol-facturas-avogado-tome
17 Jun 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular desvelaron hoxe que José Tomé, expresidente da Deputación e investigado por un presunto caso de acoso sexual por ofrecer postos de traballo a cambio de sexo, pretende que a Deputación de Lugo, é dicir, todos os lucenses, “lle paguemos a súa defensa xurídica neste caso”.

Así o explicaron o voceiro provincial, Antonio Ameijide, e os vicevoceiros, Demetrio Salgueiro e José Ángel Santos, durante unha rolda de prensa que ofreceron esta mañá diante da Deputación de Lugo.

Antonio Ameijide explicou que “tivemos acceso a esta documentación, a pesar das trabas postas polo goberno de Carmela López xa que, en primeiro termo, deron un expediente erróneo cando pedimos coñecer a petición realizada por Tomé”, sinalou en referencia á que a documentación facilitada foi unha petición realizada polo alcalde de Monforte para que a Deputación enviase ao Concello 2.100.000€.

“Agora que tivemos a documentación correcta, vemos como Tomé solicita, o 27 de abril, o pago dos honorarios dos seus avogados por parte da Deputación, algo que non imos a permitir”, afirmou.

Neste senso, os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno unha moción “para evitar que todos os lucenses paguemos a defensa de calquera representante da Deputación investigado por delitos graves, como o presunto acoso ou abuso sexual, ou similares”.

Antonio Ameijide é contundente ao respecto e pregunta: “Van a permitir Carmela López, PSOE e BNG que todos os lucenses paguemos a defensa de Tomé? Se o permiten está claro que esta foi unha das condicións impostas polo expresidente para que Carmela López fose nomeada presidenta da Deputación”.

“Se José Tomé ten problemas coa xustiza, debe custearse os seus avogados do seu propio peto. Os recursos públicos dos lucenses non se deben destinar a pagar a defensa dun presunto acosador sexual”, afirmou.

O voceiro popular foi contundente a este respecto: “Que vai facer agora o BNG? Van permitir que se pague con fondos públicos a defensa dun presunto acosador? Ana Pontón vaino permitir? Que falen claro e mostren a súa postura ante os veciños da provincia”.

Esta contundente reacción dos deputados populares xorde tras ter acceso ao expediente solicitado Grupo Provincial Popular. O expediente deixa claro que José Tomé pretende que a Deputación de Lugo asuma o custo dun orzamento privado que ascende a 37.000€ (sen IVA) correspondente ao bufete Liaño & Márquez de Prado Abogados.

Coa presentación desta moción no vindeiro pleno, o Grupo Provincial Popular quere poñer o foco na responsabilidade política e moral do goberno de Carmela López, forzando ao PSOE e ao BNG a posicionarse publicamente: defender a todos os lucenses ou blindar os intereses particulares de José Tomé.

Carmela López nega que a Deputación se faga cargo dos pagos

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, lembrou que a Deputación de Lugo conta cunha póliza de responsabilidade civil para autoridades, que dá cobertura aos 25 deputados e deputadas da Corporación, e ao persoal da Administración Xeral. Trátase dun instrumento habitual nas administracións públicas, destinado a garantir a protección xurídica no exercicio das funcións públicas e a evitar situacións de indefensión derivadas da actividade institucional.

"É rotundamente falso afirmar, como está facendo o Partido Popular, que a Deputación teña decidido pagar a defensa xurídica de ningún cargo público. Non existe ningunha decisión nese sentido nin se adoptou acordo algún que implique o uso de fondos públicos para este fin", di.

Segundo explica, neste caso concreto, a cobertura da póliza está sometida a condicións "moi claras e taxativas: a aseguradora só podería asumir o gasto no caso de que o solicitante resulte absolto ou de que as dilixencias sexan arquivadas. En ningún caso se asumirán gastos xudiciais derivados da comisión ou acreditación dunha conduta delituosa".

Para Carmela López resulta "especialmente grave que o señor Ameijide omita deliberadamente esta información e trate de trasladar á opinión pública a idea de que a Deputación está a sufragar a defensa dun investigado con diñeiro público. Esa afirmación non responde á realidade e só contribúe a xerar confusión e desconfianza entre a cidadanía".

A presidenta da Deputación mantén un compromiso firme coa transparencia e co respecto aos dereitos de información de todos os grupos políticos. Desde a súa chegada á presidencia todas as solicitudes de acceso á información formuladas polos deputados provinciais reciben resposta en tempo e forma, conforme aos procedementos establecidos.

"No caso ao que fai referencia o portavoz popular, existe constancia documental de que se produciu un erro material involuntario na primeira remisión da documentación solicitada. Unha vez detectado, a propia Deputación comunicou de inmediato a incidencia ao solicitante e remitiulle o expediente correcto, garantindo así o acceso íntegro á información requirida", engadiu.

Para o Goberno provincial "resulta preocupante que o Partido Popular pretenda converter un erro administrativo puntual, recoñecido e corrixido con total transparencia, nunha suposta estratexia de ocultación que nunca existiu. Os feitos acreditan precisamente o contrario: que a información foi facilitada e que a incidencia foi resolta de maneira inmediata".

"A Deputación de Lugo seguirá actuando con rigor, transparencia e respecto absoluto á legalidade. O debate político é lexítimo e necesario, pero non pode sustentarse na deformación interesada dos feitos nin na difusión de mensaxes que non se corresponden coa realidade", concluíu.

0.093604803085327