O PP pedirá no pleno da Deputación a mellora da imaxe da provincia e máis seguridade na Montaña

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os deputados populares reclaman a implicación do goberno provincial na reparación e mantemento das estradas provinciais en Riotorto e Chantada
ameijide-plan-de-estradas
25 May 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno varias mocións encamiñadas a mellorar a dinamización económica da provincia, así como a seguridade na comarca da Montaña.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, lamenta que “o goberno provincial de PSOE e BNG non ten estratexia turística para a provincia”, algo que se pode comprobar na ausencia de traballo nos últimos anos na promoción da imaxe da provincia, así como en que o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o último presentado, leva 6 anos caducado e sen cumprir a maioría dos obxectivos marcados polo propio goberno provincial “na procura dun modelo turístico máis competitivo, innovador e participativo”.

“A realidade é que PSOE e BNG viven das rendas de gobernos do PP, recollendo os froitos da estratexia de turismo dun goberno do Partido Popular e sen saber coidar todo o que recibiron”, sinalou.

Ameijide considera que “o turismo funciona na actualidade na provincia grazas á inmensa riqueza paisaxística da provincia, aos recursos culturais e patrimoniais, á iniciativa privada, aos Concellos que apostan e fan o posible e ás campañas de difusión e promoción da Xunta de Galicia, moi implicada na actualidade na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade”.

Por outra banda, o popular explica que defenderemos outra moción para instar ao equipo de goberno a avaliar a idoneidade e, de ser o caso, promover, xunto coas administracións públicas correspondentes, as actuacións necesarias para facer posible a implantación dun GES en Cervantes.

Antonio Ameijide lembra que “na anterior sesión plenaria da Deputación Provincial logramos aprobar por unanimidade unha proposta para instar ao goberno de PSOE e BNG a adoptar, coa colaboración precisa doutras administracións, as medidas necesarias para impulsar a recuperación da prestación do servizo dos GES nas zonas da provincia que, na actualidade, non dispoñen de cobertura suficiente en materia de emerxencias. De feito, a efectiva prestación do servizo de emerxencias para todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes é unha competencia que a lei lles confire ás deputacións provinciais e que ratificou recentemente a Xustiza, como recolle unha recente sentenza do Tribunal de Instancia de Lugo en relación ao GES de Cervo.

Agora, os populares dan un novo paso propoñendo unha posible localización estratéxica na montaña lucense para ofrecer cobertura nunha das zonas de sombra.

Os deputados populares tamén preguntarán no pleno se Carmela López ten previsto seguir empregando fondos de todos os lucenses para financiar á Federación Vecinal de Lugo, a tenor dos actos realizados por representantes desta entidade no pleno de abril no Concello de Lugo, así como se a presidenta provincial vai a tomar novas represalias contra os veciños de Lugo trala presentación da moción de censura na cidade.

Por outra banda, os populares tamén pedirán a implicación do goberno provincial na reparación e mantemento das estradas provinciais en Riotorto e Chantada.

0.1065559387207