O PP reivindica o rigor de Feijóo para impulsar o desenvolvemento económico de Sarria

O cabeza de lista do PP ao Congreso por Lugo, Francisco Conde, situou o "rigor" e a experiencia de xestión de Alberto Núñez Feijóo como garantías para impulsar o desenvolvemento económico de Sarria. Así o manifestou durante un mitin celebrado no municipio, no que tamén participaron o cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro; o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez, e a portavoz do PP de Sarria, Carmen José López.
Conde considerou fundamental dotar o municipio de solo industrial para favorecer a actividade económica e a creación de emprego. Neste sentido, lembrou a demanda histórica dos empresarios para ampliar o polígono industrial do Morelle, dependente do SEPES, organismo adscrito ao Goberno central. Segundo denunciou, o Executivo de Pedro Sánchez comprometeuse hai case seis anos a executar esta ampliación, pero a actuación continúa pendente.
Pola súa banda, José Manuel Barreiro cualificou esta situación como un exemplo do abandono do Goberno central á provincia de Lugo e asegurou que "os lucenses non lle debemos nada a Sánchez". O candidato ao Senado chamou a apoiar un cambio político da man do proxecto do PP, que definiu como unha alternativa seria e liderada por un candidato con experiencia de xestión como Alberto Núñez Feijóo.