O PP ve nestos seis primeiros meses de Carmela López á fronte da Deputación "parálise, seguidismo e dirección desde a sombra"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Antonio Ameijide explica que “este medio ano de xestión demostrou que o relevo na presidencia foi un mero lavado de cara, e seguimos cunha provincia paralizada
ameijide-demetrio-e-josito-friol-facturas-avogado-tome
14 Jul 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular fixeron balance dos primeiros seis meses de Carmela López na presidencia da Deputación de Lugo, unha etapa que comezou trala dimisión de José Tomé por un caso de presunto acoso sexual.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “este medio ano de xestión demostrou que o relevo na presidencia foi un mero lavado de cara” e que a provincia de Lugo “segue paralizada por mor dun pacto de goberno condicionado polos intereses persoais e partidistas que se condicionaron ao apoio dunha persoa investigada por presunto acoso sexual”.

Antonio Ameijide cualificou a situación de “parálise institucional” e sinalou a falta de autonomía de Carmela López á fronte da institución. “Cumprirse seis meses dun cambio que non foi tal. Sen a figura de José Tomé, este goberno sería imposible; é el quen segue a manexar os fíos na sombra, e para mostra o convenio de 1.800.000€ que lle acaba de dar ou a intención de permitir que pague os seus avogados con recursos financiados con fondos públicos”, afirmou.

O voceiro popular considera inaceptable que a estabilidade política da Deputación dependa da influencia de quen tivo que apartarse pola gravidade das acusacións. “Lugo non merece un goberno cuxo apoio fundamental sexa unha persoa investigada por presunto acoso sexual. É unha falta de respecto aos lucenses e á dignidade das nosas institucións”, denunciou.

Fronte á debilidade do goberno de PSOE e BNG, os deputados do Grupo Provincial Popular destacan o seu traballo como a única alternativa sólida e o verdadeiro motor de Lugo.

Neste senso, Antonio Ameijide lembrou que, ao longo destes seis meses, “foi grazas á iniciativa do PP como se logrou sacar adiante propostas clave para os concellos e impulsar debates estruturais que o goberno socialista pretendía evitar”.

Entre as iniciativas que destacan os populares están a readmisión dos traballadores de Suplusa que se derivaron hai anos a Tragsa; tras unha vitoria xudicial do PP no Tribunal Supremo; a residencia de Becerreá, onde PSOE e BNG teñen que atender as demandas formuladas polos veciños, o Concello de Becerreá e o Grupo Provincial Popular, así como cumprir cunha resolución xudicial que avala a posta en funcionamento destas instalacións; ou a conservación das estradas provinciais, entre outros.

“Durante os últimos meses non lles deixamos outro remedio que modificar o rumbo”, destacou.

Antonio Ameijide reivindicou que "mentres o bipartito se dedica a recompoñer as súas frontes internas e a acatar as directrices que veñen ditadas dende a sombra, no Grupo Popular seguimos a marcar o ritmo das decisións clave para a provincia. Nós si temos un proxecto libre, centrado única e exclusivamente en resolver as necesidades reais dos veciños de Lugo", sentenciou.

0.11628603935242