O PSdeG acusa a Camiña Sarria e ao PP de empregar investimentos como "propaganda" no pleno municipal

SarriaXa
Os socialistas reclaman transparencia sobre o pacto entre ambas formacións mentres voces críticas da militancia cuestionan a actitude do seu portavoz
Benjamín-Escontrela,-PSOE-Sarria
28 Feb 2026

O Grupo Municipal Socialista de Sarria levou ao pleno celebrado onte unha moción na que acusou a Camiña Sarria e ao Partido Popular de utilizar os investimentos anunciados para o municipio como “ferramenta de propaganda política” co obxectivo de xustificar o acordo acadado entre ambas formacións. A iniciativa do PSdeG-PSOE, din, pretendía non só abrir un debate institucional, senón tamén que a Corporación se posicionase expresamente sobre o contido do pacto, que se fixese público na súa totalidade e que se aclarasen as súas posibles repercusións económicas e fiscais para a veciñanza.

Dende as filas socialistas insistiron en que non se opoñen a ningunha actuación que supoña melloras para Sarria, pero cuestionaron o relato construído arredor do acordo político. O voceiro municipal, Benjamín Escontrela, asegurou que o seu grupo non rexeita investimentos para a vila, pero rexeita que se transmita a idea de que para acceder a fondos da Xunta sexa necesario subscribir un pacto político.

Os socialistas consideran "preocupante" que no pleno se presentase como un “avance” o que, ao seu xuízo, debería formar parte do funcionamento ordinario das institucións. Segundo sinalou Escontrela, os recursos públicos non poden interpretarse como concesións nin premios vinculados á afinidade política, xa que a cidadanía ten dereito a recibir investimentos con independencia de quen goberne en cada momento.

Pola súa banda, militantes socialistas expresaron unha posición crítica coa intervención do seu portavoz. En declaracións públicas, aseguraron que levan case tres anos amosando o seu desacordo coa súa maneira de actuar e cualificaron de contraditorio que reclame transparencia a outras formacións sen, ao seu entender, explicar acordos anteriores nin as condicións nas que se produciron.

Tamén apuntaron que tanto o portavoz do BNG como a voceira do PP xa responderon no pleno sobre a natureza dos acordos políticos entre partidos, defendendo que poden gustar máis ou menos, pero que forman parte da dinámica institucional. Estas voces internas cuestionaron igualmente o ton empregado por Escontrela e advertiron de que a cidadanía valorará no futuro a coherencia entre os compromisos adquiridos en campaña, como o desbloqueo do polígono industrial, e a súa actuación posterior.

0.1278350353241