O PSdeG acusa a Camiña Sarria e ao PP de empregar investimentos como "propaganda" no pleno municipal

SarriaXa
Os socialistas reclaman transparencia sobre o pacto entre ambas formacións mentres voces críticas da militancia cuestionan a actitude do seu portavoz
Benjamín-Escontrela,-PSOE-Sarria
Actualizada el 1 marzo 2026, 20:50 horas
28 Feb 2026

O Grupo Municipal Socialista de Sarria levou ao pleno celebrado onte unha moción na que acusou a Camiña Sarria e ao Partido Popular de utilizar os investimentos anunciados para o municipio como “ferramenta de propaganda política” co obxectivo de xustificar o acordo acadado entre ambas formacións. A iniciativa do PSdeG-PSOE, din, pretendía non só abrir un debate institucional, senón tamén que a Corporación se posicionase expresamente sobre o contido do pacto, que se fixese público na súa totalidade e que se aclarasen as súas posibles repercusións económicas e fiscais para a veciñanza.

Dende as filas socialistas insistiron en que non se opoñen a ningunha actuación que supoña melloras para Sarria, pero cuestionaron o relato construído arredor do acordo político. O voceiro municipal, Benjamín Escontrela, asegurou que o seu grupo non rexeita investimentos para a vila, pero rexeita que se transmita a idea de que para acceder a fondos da Xunta sexa necesario subscribir un pacto político.

Os socialistas consideran "preocupante" que no pleno se presentase como un “avance” o que, ao seu xuízo, debería formar parte do funcionamento ordinario das institucións. Segundo sinalou Escontrela, os recursos públicos non poden interpretarse como concesións nin premios vinculados á afinidade política, xa que a cidadanía ten dereito a recibir investimentos con independencia de quen goberne en cada momento.

Pola súa banda, militantes socialistas expresaron unha posición crítica coa intervención do seu portavoz. En declaracións públicas, aseguraron que levan case tres anos amosando o seu desacordo coa súa maneira de actuar e cualificaron de contraditorio que reclame transparencia a outras formacións sen, ao seu entender, explicar acordos anteriores nin as condicións nas que se produciron.

Tamén apuntaron que tanto o portavoz do BNG como a voceira do PP xa responderon no pleno sobre a natureza dos acordos políticos entre partidos, defendendo que poden gustar máis ou menos, pero que forman parte da dinámica institucional. Estas voces internas cuestionaron igualmente o ton empregado por Escontrela e advertiron de que a cidadanía valorará no futuro a coherencia entre os compromisos adquiridos en campaña, como o desbloqueo do polígono industrial, e a súa actuación posterior.

RESPOSTA DO PP

O grupo municipal do Partido Popular de Sarria saíu ao paso das críticas formuladas polo PSOE tras o pleno celebrado o xoves e lamentou o que cualifican como un “berrinche” dos socialistas, que —segundo sinalan— chegou ata o punto de votar en contra da súa propia moción. Os populares defenderon que fronte ao que denominan “ruído político” están a ofrecer avances concretos para o municipio.

Entre os exemplos citados, o PP destacou como prioridade urxente a obtención de financiamento para a remodelación do Estadio Municipal de Ribela. Grazas a esa achega, lembran, o Concello puido sacar a licitación a actuación, que finalmente foi adxudicada por máis de 700.000 euros, cunha parte maioritaria dos fondos procedentes da Xunta de Galicia. “Mentres outros están ocupados contando os días e esperando que non pase nada, nós traballamos para que a maquinaria poida comezar a funcionar”, sinalaron.

Os populares tamén fixeron referencia á visita do conselleiro de Educación ao CEIP Frei Luis de Granada e ao compromiso adquirido publicamente nesa xuntanza. Segundo explicaron, a administración autonómica está xa a redactar o proxecto técnico para o peche do pavillón deportivo do centro. “Hai un compromiso firme por parte do conselleiro, e os técnicos están a traballar para que as obras sexan unha realidade”, aseguraron.

Ademais, o grupo popular avanzou que continúa dando pasos para lograr un compromiso da Xunta coa Residencia de Maiores de Sarria, un anuncio que confían en poder concretar en breve. A este respecto, subliñan que a súa estratexia pasa por desenvolver “unha política seria e responsable” que permita mellorar servizos e infraestruturas no municipio.

Na súa resposta ao PSOE, o PP considera que os socialistas teñen “unha oportunidade de ouro” para demostrar influencia en Madrid. En lugar de cuestionar acordos que, segundo din, buscan o progreso de Sarria, instan ao seu partido a desbloquear as débedas históricas co municipio.

Entre as cuestións que sinalan como pendentes por parte do Goberno central citan o desbloqueo do polígono industrial, a recuperación das frecuencias ferroviarias suprimidas e a creación dunha segunda unidade xudicial, que consideran imprescindible para axilizar a administración de xustiza na comarca.

Para os populares, a coherencia política demóstrase con feitos e consideran “paradóxico” que o PSOE local critique o uso de fondos públicos en función de afinidades políticas cando, ao seu xuízo, é o Goberno de España quen non activa investimentos estratéxicos en Sarria polo feito de non gobernar no municipio.

Desde o grupo popular conclúen que no último pleno quedou patente que PP e PSOE manteñen visións distintas sobre a política local. Mentres os populares aseguran que continuarán centrados en ser útiles e realizar achegas co obxectivo de mellorar Sarria, advirten de que seguirán buscando solucións e sumando apoios para sacar adiante os proxectos “con ou sen a axuda dun PSOE que, polo de agora, parece máis cómodo no berrinche que na utilidade”.

0.14403700828552