O PSdeG de Sarria critica a falta de avances na reapertura do matadoiro municipal

SarriaXa
A formación socialista denuncia a ausencia de información do Goberno local e reclama prazos concretos tras o acordo unánime do Pleno para a súa reparación
Concello-de-Sarria
11 Jun 2026

O PSdeG de Sarria, a través do seu voceiro Benjamín Escrontela, denunciou que o matadoiro municipal continúa pechado e sen unha previsión clara de reapertura, malia que o Pleno da corporación aprobou por unanimidade o pasado 28 de maio a execución das reparacións necesarias para recuperar este servizo.

Escrontela lamentou que, transcorridas xa varias semanas desde aquel acordo, o Goberno local encabezado por Claudio Garrido non trasladase ningunha información ao sector afectado nin concretase o estado das instalacións, as avarías detectadas ou o calendario previsto de actuacións. Segundo sinalou, “seguimos sen respostas e o alcalde non aclara que vai facer co matadoiro”.

Desde o grupo socialista lembran que a moción aprobada no Pleno foi froito do consenso entre a oposición e representantes do sector, e recollía a necesidade de acometer as reparacións de maneira inmediata para garantir a reapertura do servizo. Porén, critican que non se teñan dado pasos públicos nin explicacións sobre o cumprimento deste acordo.

O voceiro do PSdeG advertiu tamén de que esta falta de comunicación está a xerar incerteza entre profesionais do sector, gandeiros, carniceiros e usuarios das instalacións, que reclaman avances e claridade sobre o futuro do matadoiro. Ademais, puxo o foco na importancia do período estival en Sarria, unha época de maior actividade económica pola chegada de visitantes e peregrinos.

Neste sentido, sinalou que a ausencia dunha solución “supón un problema directo para a economía local e para sectores estratéxicos vinculados ao comercio e á hostalaría”, especialmente nun momento de alta demanda.

O PSdeG esixe ao Goberno local que informe de maneira inmediata sobre o estado real do matadoiro, as actuacións previstas, os prazos de execución e a posible data de reapertura. Escrontela criticou que o Executivo municipal “aprobe no Pleno e despois non dea explicacións nin cumpra co acordado”.

Finalmente, os socialistas insisten en que o matadoiro municipal é unha infraestrutura esencial para Sarria e a súa contorna, cun impacto directo no sector agrogandeiro e cárnico, e advirten de que a súa situación actual non pode prolongarse no tempo. “Sarria non pode permitirse perder un servizo estratéxico por falta de xestión”, concluíu o voceiro.

0.12620210647583