O PSdeG de Sarria esixe a reapertura inmediata do matadoiro municipal

O PSdeG de Sarria, a través do seu voceiro, Benjamín Escrontela, reclamou ao goberno municipal encabezado por Claudio Garrido a reapertura inmediata do matadoiro municipal e a reparación urxente das avarías que manteñen pechadas as instalacións desde hai máis de tres semanas.
Escrontela advertiu de que esta situación “está a causar prexuízos directos ao sector agrogandeiro, cárnico e comercial da comarca”, xa que numerosos profesionais vense obrigados a desprazarse a outros matadoiros, asumir maiores custos e afrontar novas dificultades para manter a súa actividade diaria.
O voceiro socialista subliñou que o matadoiro municipal “non é un servizo menor nin afecta só a un grupo reducido de profesionais”, senón que se trata dunha infraestrutura que presta apoio a gandeiros, carniceiros, pequenas explotacións familiares, salas de despece, produtores de proximidade e ao comercio local.
Nesa liña, defendeu que Sarria e a súa comarca “non poden perder unha ferramenta que permite pechar o ciclo produtivo no territorio, apoiar o produto de proximidade e manter actividade económica vinculada ao rural”. Ademais, considerou “incomprensible” que o executivo local non actúe con urxencia para garantir o funcionamento das instalacións “nun momento no que se fala constantemente de defender o produto local e de proximidade”.
Escrontela asegurou tamén que o problema “non é só unha avaría nin un peche puntual”, senón “a consecuencia dunha falta de compromiso político que vén de lonxe”. Neste sentido, acusou a Garrido de “abandonar unha infraestrutura esencial” e de levar anos “cuestionando a súa continuidade como servizo público”.
O representante socialista lembrou que o rexedor xa defendera publicamente a fórmula “matadoiro si, xestión pública non”, ao considerar que se trata dunha competencia impropia e que a súa xestión debería quedar en mans privadas. Segundo advertiu, “cada avaría e cada peche volven demostrar que Garrido está máis disposto a deixar que o matadoiro peche antes que a garantir o seu funcionamento”.
Desde o PSdeG lembraron tamén que as instalacións xa permaneceran pechadas durante preto de tres meses en 2024 e que naquela ocasión a comarca tivo que mobilizarse para reclamar a súa reapertura. “Daquela, Garrido só reabriu pola presión do sector e da veciñanza, non porque existise unha aposta real polo futuro do matadoiro”, sostiveron.
Escrontela destacou ademais que o Concello contou con apoio doutras administracións para manter e mellorar as instalacións. Segundo indicou, a Deputación de Lugo achegou 50.000 euros para contribuír ao mantemento do servizo, mentres que a Xunta de Galicia destinou outros 30.000 euros para mellorar o equipamento. “Houbo apoio institucional, mobilización social e unha demanda clara do sector. O que non hai é vontade política por parte do goberno de Garrido”, criticou.
O PSdeG reclamou ao executivo municipal que convoque con urxencia ao sector para informar da situación real das avarías, das reparacións previstas e dos prazos de reapertura. Ademais, pediu a elaboración dun plan de mantemento e xestión que evite novos peches prolongados e garanta a continuidade do servizo.
A agrupación socialista avanzou finalmente que continuará defendendo o matadoiro municipal como “unha infraestrutura estratéxica para a economía local, o rural e o sector cárnico da comarca”. “Garrido ten que asumir as súas responsabilidades e decidir se está co sector ou se vai seguir deixando caer un servizo que nunca defendeu nin quixo xestionar”, concluíu.