O PSdeG de Triacastela denuncia trabas no Concello para acceder á documentación do Pleno

O PSdeG de Triacastela denuncia as dificultades atopadas para acceder con tempo suficiente á documentación do Pleno municipal previsto para este xoves. O voceiro socialista no Concello, Miguel Ángel Fernández López, acusa o Goberno local do Partido Popular de poñer "trabas" e amosar "nula vontade de colaboración" coa oposición.
Segundo explica Fernández, tras recibir a convocatoria do Pleno comunicou ao Concello os problemas técnicos que estaba tendo para acceder aos expedientes e solicitou unha alternativa que lle permitise consultar a documentación. Porén, asegura que a única solución que se lle ofreceu foi desprazarse persoalmente ás dependencias municipais.
O portavoz socialista puido finalmente consultar os expedientes este mércores, apenas 24 horas antes da celebración da sesión. "A documentación conseguímola, si, pero despois de reclamala e de ter que acudir fisicamente ao Concello. Esa non é maneira de facilitar que a oposición poida exercer o seu labor con garantías", afirmou.
O PSdeG considera especialmente relevante esta situación porque entre os asuntos incluídos na orde do día figura o peche e liquidación do orzamento municipal. "As contas do Concello non poden analizarse con rigor a só 24 horas do Pleno", advertiu Fernández.
A formación socialista considera que o sucedido "non é un feito illado" e enmárcao nunha maneira de exercer o Goberno que, ao seu xuízo, se repite nos concellos gobernados polo PP, caracterizada pola "prepotencia, falta de transparencia e ausencia de colaboración coa oposición".
Os socialistas tamén cuestionan a actitude do Partido Popular a nivel autonómico e provincial e sosteñen que "Feijóo, Rueda e Candia están consolidando un PP que entende as institucións como unha propiedade privada e a oposición como un inimigo ao que hai que silenciar". Neste sentido, acusan os gobernos populares de "agochar información, dificultar a fiscalización e pretender gobernar sen control".
Fernández asegurou que continuará exercendo o seu labor de control municipal. "Poden poñernos trabas, pero imos estudar, preguntar e fiscalizar cada actuación deste Goberno. Para iso nos elixiu a veciñanza de Triacastela e non imos renunciar a esa responsabilidade", concluíu.