O PSdeG reúne arredor de 200 persoas en Sarria e chama a mobilizar o voto para lograr o segundo deputado por Lugo

SarriaXa
Patricia Otero pediu concentrar o voto progresista no PSOE nos dous últimos días de campaña e lembrou que en 2023 os socialistas quedaron a pouco máis de 3.000 votos de conseguir ese escano
PSdeG Sarria 29N
26 Nov 2026

Arredor de 200 persoas participaron no acto comarcal do PSdeG-PSOE celebrado en Sarria, no que a candidata socialista ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, chamou a "mobilizar cada voto" nos dous últimos días de campaña para conseguir o segundo deputado socialista pola provincia.

Otero asegurou que os socialistas están "moi pretiño" de arrebatar ese escano ao Partido Popular e lembrou que nas eleccións de 2023 quedaron a pouco máis de 3.000 votos de logralo. "Jorge Bustos entrará no Congreso para defender os intereses das lucenses e dos lucenses", afirmou.

A candidata pediu concentrar o voto progresista no PSOE para contribuír á continuidade do Goberno de Pedro Sánchez e destacou a importancia das políticas estatais para o rural. Neste sentido, lembrou que o acordo da PAC negociado polo Executivo garantiu 47.724 millóns de euros para España entre 2021 e 2027 e comprometeuse a defender máis fondos europeos e trámites máis sinxelos para as explotacións agrarias. Tamén reivindicou as medidas para as persoas autónomas, como a rebaixa do IRPF e a posibilidade de presentar unha única declaración anual de IVE para quen facture menos de 85.000 euros.

En materia de pensións, Otero defendeu blindar na Constitución a súa revalorización anual conforme ao IPC e contrapuxo esta medida ás subas do 0,25 % aplicadas durante o Goberno de Mariano Rajoy.

Pola súa banda, o candidato socialista ao Senado, César Mogo, reivindicou o dereito ao voto dos descendentes da emigración galega e criticou os obstáculos que, segundo denunciou, impiden a milleiros de netas e netos de galegos participar nestas eleccións. Ademais, advertiu da influencia de Vox sobre o PP e asegurou que a formación de Abascal lle daría a Feijóo "as ordes no Goberno".

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, pediu a participación das persoas desencantadas coa política e reivindicou a importancia de defender os servizos públicos e os dereitos sociais. No acto tamén interviñeron o voceiro municipal socialista, Benjamín Escontrela, e o secretario xeral do PSdeG de Sarria, José Manuel López Torre.

Ao encontro asistiron tamén o deputado socialista Iván Castro, de Paradela; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, concelleiros de Camiña Sarria, como César No ou Isabel Vergara; membros do PSOE da localidade e da comarca, así como representantes doutros concellos lucenses: o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o de Castroverde, José María Arias, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, que lidera e goberna baixo as siglas de Camiña Sarria, sostivo que "estiven aí a título persoal, sen consignas nin nada diso. Para min, é un momento político importante a nivel nacional, eu sempre fun do PSOE e todo o mundo sabe a quen vou votar, así que decidín ir a un acto público do PSOE na miña vila porque creo que podía apoiar ou contribuír dalgunha maneira". Con respecto aos outros concelleiros de Camiña Sarria, Garrido expresou que "cada persoa foi aí por decisión persoal e sen ter que ver con Camiña Sarria; unha cousa é o traballo a nivel local e outra o que pode pasar nestas eleccións do 29N en España, xa que son moi relevantes para o futuro da sociedade", destacou.

0.13120818138123