O PSdeG reúne máis de 150 persoas en Sarria e chama a mobilizar o voto para lograr o segundo deputado por Lugo

Máis de 150 persoas participaron este mércores no acto comarcal do PSdeG-PSOE celebrado en Sarria, no que a candidata socialista ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, chamou a "mobilizar cada voto" nos dous últimos días de campaña para conseguir o segundo deputado socialista pola provincia.
Otero asegurou que os socialistas están "moi pretiño" de arrebatar ese escano ao Partido Popular e lembrou que nas eleccións de 2023 quedaron a pouco máis de 3.000 votos de logralo. "Jorge Bustos entrará no Congreso para defender os intereses das lucenses e dos lucenses", afirmou.
A candidata pediu concentrar o voto progresista no PSOE para contribuír á continuidade do Goberno de Pedro Sánchez e destacou a importancia das políticas estatais para o rural. Neste sentido, lembrou que o acordo da PAC negociado polo Executivo garantiu 47.724 millóns de euros para España entre 2021 e 2027 e comprometeuse a defender máis fondos europeos e trámites máis sinxelos para as explotacións agrarias. Tamén reivindicou as medidas para as persoas autónomas, como a rebaixa do IRPF e a posibilidade de presentar unha única declaración anual de IVE para quen facture menos de 85.000 euros.
En materia de pensións, Otero defendeu blindar na Constitución a súa revalorización anual conforme ao IPC e contrapuxo esta medida ás subas do 0,25% aplicadas durante o Goberno de Mariano Rajoy.
Pola súa banda, o candidato socialista ao Senado, César Mogo, reivindicou o dereito ao voto dos descendentes da emigración galega e criticou os obstáculos que, segundo denunciou, impiden a milleiros de netas e netos de galegos participar nestas eleccións. Ademais, advertiu da influencia de Vox sobre o PP e asegurou que a formación de Abascal lle daría a Feijóo "as ordes no Goberno".
A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, pediu a participación das persoas desencantadas coa política e reivindicou a importancia de defender os servizos públicos e os dereitos sociais. No acto tamén interviñeron o voceiro municipal socialista, Benjamín Escontrela, e o secretario xeral do PSdeG de Sarria, José Manuel López Torre.
Ao encontro asistiron tamén o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, concelleiros de Camiña Sarria, como César No ou Isabel Vergara; membros do PSOE da localidade e da comarca, así como representantes doutros concellos lucenses: o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o de Castroverde, José María Arias, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.