O PSOE cuestiona a renovación da Ribela e pide unha revisión independente das obras

SarriaXa
Os socialistas sinalan deficiencias no terreo de xogo, o acceso, a iluminación, as redes e as porterías tras unha actuación cun investimento de máis de 730.000 euros
campo-A-Ribela-SD-Sarriana-(1)
30 Sep 2026

O Grupo Municipal Socialista de Sarria cuestiona o resultado das obras de renovación do Estadio Municipal da Ribela e reclama ao Concello que encargue unha peritaxe externa e independente antes de recepcionar a actuación. Segundo denuncia o PSOE, a intervención presenta diferentes deficiencias e elementos que, ao seu xuízo, deben ser revisados.

A actuación foi presentada pola Xunta e o Concello como unha "renovación integral" da instalación e contou cun investimento total de 737.520,92 euros, dos que 516.264,64 euros corresponden á administración autonómica e 221.256,28 euros ao Concello. A obra foi adxudicada a CALFENSA PROYECTOS SL por 707.188,60 euros.

Entre as cuestións sinaladas polos socialistas atópase o estado do terreo de xogo, onde aseguran ter detectado baches, zonas afundidas ou irregulares e acabados nas liñas que lles xeran dúbidas sobre a execución.

O PSOE tamén cuestiona o novo acceso ao terreo de xogo, que describe como unha zona cun acabado moi pulido e cunha pendente considerable, polo que reclama que se comprobe a súa seguridade e funcionalidade.

Outro dos aspectos que sinalan é o sistema de iluminación. Segundo os socialistas, a instalación eléctrica existente non permite utilizar o novo alumeado a pleno rendemento, polo que sería necesario reducir a potencia no uso habitual da instalación. O PSOE considera que esta situación debe ser aclarada e pide explicacións sobre a adaptación da infraestrutura eléctrica ás necesidades do novo sistema.

Os socialistas tamén apuntan á rede de protección situada no fondo norte, que consideran insuficiente en altura e anchura para cumprir adecuadamente a súa función. Ademais, cuestionan os novos banquiños, que dispoñen de 12 asentos fronte ás 15 prazas que, segundo indican, precisa a S.D. Sarriana.

Outra das cuestións denunciadas afecta ás catro porterías laterais de fútbol-8. Segundo o PSOE, estas romperon aos poucos días de comezar a utilizarse e actualmente están suxeitas con bridas de plástico. O grupo municipal reclama que se determine tecnicamente a causa dos danos e que se proceda á súa substitución se fose necesario.

A formación socialista considera especialmente relevante esta cuestión polo uso que realizan das instalacións as categorías inferiores da S.D. Sarriana. "A Ribela non é só o campo do primeiro equipo. É o lugar onde adestran cada semana numerosos nenos e nenas das categorías inferiores da S.D. Sarriana", sinalan.

Ante estas circunstancias, o PSOE reclama ao Goberno municipal que non recepcione a obra no seu estado actual e solicita unha peritaxe externa, independente e completa que determine as posibles deficiencias da actuación e as medidas necesarias para corrixilas.

Os socialistas tamén consideran que a Xunta de Galicia, que achegou 516.264,64 euros ao proxecto, debe coñecer e revisar as cuestións relacionadas coa execución da obra.

A formación socialista vincula ademais esta actuación co balance que realiza do pacto entre Camiña Sarria e o PP. Segundo o PSOE, un ano despois da súa sinatura existen avances en catro dos 15 compromisos anunciados polas dúas formacións.

"Fixeron un pacto para dicir que ían mellorar Sarria. Un ano despois, só hai avances en 4 dos 15 compromisos", sinalan os socialistas, que reclaman explicacións sobre o estado das obras da Ribela e que se corrixa aquilo que non estea correctamente executado.

0.15551614761353