O PSOE de Sarria pide implantar un centro de hostalaría no concello ante a falta de persoal
O Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Sarria pide que dende a administración local se tomen as medidas oportunas, en colaboración coa Xunta de Galicia- Conselleria de Educación, para a implantación no municipio dos ciclos formativos de Cociña e restauración, Cociña e gastronomía e Dirección de Cociña.
Segundo trasladan, o sector da hostalaría é un dos principais motores económicos do concello, especialmente vinculado ao Camiño de Santiago, pero existe un problema estrutural ocasionado polo incremento da demanda de persoal cualificado, problema que se agrava en tempada alta. Deste xeito, esta situación provoca unha diminución da capacidade de prestación de servizo dos diferentes negocios dedicados á restauración e en consecuencia, diminúe a posible viabilidade dos mesmos.
A falta de persoal para traballar en tempada alta é motivo de gran preocupación entre os propietarios de bares, restaurantes e albergues. Ademais perciben que a situación é cada vez máis grave posto que non existe dispoñible persoal cualificado que poidan contratar. Por iso, sinalan que sería necesario implantar en Sarria un centro de hostalaría e restauración dedicado á formación de persoal capacitado para este sector.