O PSOE de Triacastela denuncia trabas para acceder ás contas e fiscalizar a xestión municipal

SarriaXa
O grupo socialista acusa o goberno local do PP de non facilitar documentación orzamentaria, incumprir a periodicidade das xuntas de goberno e aprazar unha comisión sen avisar á oposición
Miguel-PSOE-Triacastela
20 Oct 2026

O Grupo Municipal Socialista de Triacastela acusa ao goberno local do PP de dificultar o labor de fiscalización da oposición pola falta de acceso á documentación municipal e a ausencia de respostas ás solicitudes de información sobre a xestión económica do Concello. O voceiro socialista, Miguel Ángel Fernández López, responsabiliza á alcaldesa dunha situación que, segundo afirma, continúa malia as reclamacións formuladas nos plenos e a queixa formal presentada en setembro.

Un dos principais motivos de desacordo é a situación orzamentaria do Concello. Segundo explica Fernández, o goberno local sostén que as contas de 2025 están prorrogadas, pero non entregou a documentación necesaria para comprobar cal é o orzamento vixente, que créditos están dispoñibles e que modificacións se realizaron. Os socialistas aseguran que tampouco recibiron o decreto de prórroga para 2026 que solicitaron.

O voceiro afirma que non lle consta a aprobación dun novo orzamento para este exercicio e lembra que o grupo reclama información sobre as contas municipais desde o ano anterior. "Non chega con dicir que os orzamentos están prorrogados. A alcaldesa ten que facilitar os documentos que permitan comprobar con que contas funciona o Concello e como se xestionan os cartos da veciñanza", reclama.

Por este motivo, os socialistas votaron en contra na Comisión de Contas celebrada o venres 16 de outubro. O grupo cuestiona que se someta a exame da oposición a xestión económica municipal sen achegar a documentación que permita coñecer a súa base orzamentaria.

A oposición denuncia dificultades para consultar os expedientes

O PSOE asegura que as trabas para acceder aos documentos obrigaron de novo os seus representantes a acudir presencialmente ao Concello para recoller a información. Segundo lembra Fernández, en agosto só puideron consultala nas 24 horas anteriores ao pleno, mentres que en abril a falta de documentación levou a deixar varios asuntos sobre a mesa.

A queixa formal presentada en setembro incluía peticións relativas á información orzamentaria, ás actas pendentes da Xunta de Goberno Local e ao cumprimento do calendario de sesións. Segundo os socialistas, estas solicitudes continúan sen resposta.

O grupo tamén critica o sucedido coa Comisión de Contas prevista inicialmente para o mércores 14 de outubro. Os representantes socialistas acudiron ao Concello na data fixada e foi alí onde souberon que a reunión se trasladara ao venres 16, sen recibir ningún aviso previo.

Segundo relata Fernández, o goberno local xustificou a falta de comunicación alegando que non dispoñía do seu número de teléfono, malia que é concelleiro desde 1995. "Esta xustificación é un enorme desprezo cara á oposición", afirma.

Os socialistas engaden que este ano só se celebraron catro xuntas de goberno local, fronte á periodicidade prevista de dúas reunións ao mes. Tamén denuncian incumprimentos no calendario dos plenos e dificultades para acceder ás actas.

"O PP non pode gobernar Triacastela como se o Concello fose seu e non tivese que dar explicacións a ninguén. Esiximos os documentos, as respostas e o respecto que corresponde aos representantes da veciñanza. Por moitas trabas que poñan, seguiremos denunciando estas prácticas e fiscalizando a súa xestión", conclúe Fernández.

0.14011812210083