O Puebla Futsal logra o ascenso a Preferente Galicia tras proclamarse campión de Liga

O Puebla Futsal de Láncara proclamouse campión da Liga 2025/26, un resultado que lle permite conseguir o ascenso á categoría Preferente Galicia e cumprir así o principal obxectivo marcado polo equipo para esta tempada.
O adestrador do conxunto, Julio “Chuco”, amosouse moi satisfeito polo logro acadado tras unha campaña que definiu como “moi dura” debido á gran igualdade existente entre os equipos participantes. Segundo explicou, o inicio da tempada estivo condicionado pola falta de efectivos e pola dificultade para manter o compromiso dalgúns xogadores máis novos, aínda que pouco a pouco os resultados foron acompañando e o equipo conseguiu consolidarse.
O cadro de xogadores do Puebla Futsal caracterízase pola súa variedade xeracional, con integrantes de entre 19 e 40 anos, aínda que a maior parte do plantel se sitúa entre os 20 e os 30 anos.
Chuco destacou tamén a resposta da veciñanza e da afección durante a tempada, subliñando que o apoio do pobo foi clave para alcanzar o ascenso. “A xente foise animando e o pobo respondeu moi ben”, sinalou, incidindo ademais na importancia que este éxito deportivo ten para o municipio.
Na competición participaron equipos de diferentes puntos da provincia, nun ano que cualificou de especialmente positivo para o fútbol sala da zona, coincidindo tamén co ascenso do Meigallos. O técnico recoñeceu que nun concello pequeno non sempre é doado atopar xogadores, polo que valorou especialmente o esforzo realizado polo grupo.
O adestrador tamén puxo en valor o respaldo institucional recibido, asegurando que o Concello de Láncara mantivo unha implicación constante co club e lembrando que o alcalde asistiu habitualmente aos encontros disputados polo equipo.
Ademais, Chuco quixo reivindicar o papel do deporte base e a importancia de fomentar a práctica deportiva entre a mocidade. Neste sentido, destacou que actividades como o fútbol sala contribúen a que os máis pequenos teñan alternativas de ocio saudables e afastadas do uso excesivo do teléfono móbil.