O Puebla Futsal será o pregoeiro das Festas de San Roque da Pobra de San Xiao

SarriaXa
A organización avanza as primeiras novidades da celebración, que terá lugar o 17 de agosto e volverá contar coa actuación da orquestra Punto Clave
Puebla-Futsal-Láncara
Actualizada el 15 julio 2026, 06:28 horas
14 Jul 2026

Os organizadores das Festas de San Roque da Pobra de San Xiao, no concello de Láncara, comezaron a desvelar as primeiras novidades da edición deste ano, que se celebrará en agosto. Música, diversión, sorpresas e bo ambiente volverán ser os ingredientes principais dunha xornada festiva que busca reunir á veciñanza e visitantes arredor dunha programación pensada para todas as idades.

Un dos anuncios máis destacados é a elección do Puebla Futsal como pregoeiro das festas. A organización quixo recoñecer a traxectoria do equipo, ao que define como un exemplo dos valores do deporte, como o esforzo, o compromiso, o compañeirismo, a superación e o orgullo de representar á Pobra de San Xiao.

O nomeamento chega, ademais, nun momento especialmente significativo para o club, tras conseguir recentemente o ascenso á Preferente Galicia, un éxito deportivo que foi moi celebrado na localidade. Desde a organización consideran que será unha honra que os integrantes do equipo sexan os encargados de dar o pistoletazo de saída ás festas deste ano.

Tamén confirmaron a presenza da Asociación Cultural Val de Láncara, que actuará o domingo 16 de agosto no Domingo de San Roque, acompañando a procesión coa súa música tradicional cun pasarrúas.

Para a noite do domingo 16, terá lugar a actuación de Los Coleguitas de Venezuela, unha das formacións latinas máis coñecidas e animadas do panorama musical en Galicia.

Outra das novidades confirmadas é o grupo Punto Clave, que volverá actuar o luns 17 de agosto, coincidindo coa festividade de San Roque. A formación é xa unha habitual das celebracións da Pobra de San Xiao e, segundo destacan os organizadores, a súa profesionalidade, proximidade e a boa acollida entre o público fan que sexa unha presenza imprescindible no programa festivo.

A comisión organizadora continuará anunciando nas próximas semanas o resto da programación dunha edición que promete volver converter a Pobra de San Xiao nun punto de encontro para a música, a convivencia e a celebración.

0.10736799240112