O San Xoán encherá as rúas de Sarria de diferentes actividades desde o venres ata o vindeiro 27 de xuño
A gran festa de Sarria, o San Xoán, volve á vila os vindeiros 23, 24, 25, 26 e 27 de xuño con diversas actividades.
O 23 de xuño, o primeiro día deste evento, terá lugar o pregón desde a Casa do Concello da man de Abraham Cupeiro, o músico, compositor e creador de instrumentos sarriao que tivo os seus inicios na Asociación Meigas e Trasgos e na banda de música de Sarria.
Durante a xornada do 23 de xuño, despois do pregón, a Asociación Meigas e Trasgos e a Asociación Peleriños organizarán un baile con música na que tocarán dúas ou tres pezas para que todos os grupos que forman parte das asociación actúen na rúa, tanto pequenos como maiores.
Esta iniciativa nace, por unha parte, para ofrecer un espectáculo de música tradicional galega e propia de Sarria a todos os habitantes da vila e aos turistas e peregrinos que se acheguen ao San Xoán e, por outra, como unha maneira de que as dúas asociación, aínda tendo filosofías distintas, “poidamos transmitir a cultura galega colaborando xuntos”, defenden desde Meigas e Trasgos.
Programa
Xa na noite do 23 de xuño, a Noite do Lume, o campo da feira acollerá unha gran queimada, que virá acompañada de degustación gastronómica, así como unha fogueira, un espectáculo relacionado co lume e música, coa banda Chárleston Big Band e Os Parentes, que actuarán na rúa Castelao de Sarria.
Con respecto ao día 24 de xuño, despois da Noite do Lume, este é o día do patrón e polo tanto festivo local en Sarria, no que terá lugar unha procesión e os músicos da Asociación Meigas e Trasgos tocarán na Sociedade Cultural La Unión. Á noite, para seguir amenizando as festas, as orquestras New York e Marbella serán as protagonistas.
Durante o día 25, domingo, haberá un pasarrúas e un desfile de cabezudos e Pampónigas que, ademais de entreter ao público infantil, fará que visitantes e peregrinos se abraien coa cultura sarriá. Pola noite, a festa seguirá con dúas grandes orquestras que amenizarán con música a xornada, a París de Noia e a Olympus, que pecharán o fin de semana festivo.
Porén, a festa non rematará aquí, xa que o día 26, luns, virá forte coa actuación de Panama Band e da orquestra recoñecida mundialmente, a Panorama, que porán a música a resoar en toda a vila.
Xa chegando ao final das actividades, o último día das grandes festas do San Xoán, o martes 27, o mago Roberto Lolo actuará ás 19.00 horas cun espectáculo de maxia dunha hora gratuíto ao que poderán asistir todos os públicos. Lolo sostén que “será un show divertido, un clásico meu, que traerá novidades e será unha función participativa con distintos estilos de maxia”. Por último, o día rematará coa actuación de Os Satélites.