O Sarria & Blues no Camiño celebra a súa quinta edición con catro días de música e actividades na vila

SarriaXa
Félix Slim, Sweet Marta & The Blues Shakers, Dorrey Lyles & Marcos Coll Band e Andrhea & The Black Cats encabezan un cartel que combinará concertos, street blues e o tradicional desfile musical
Marcos-y-Dorrey
2 Aug 2026

Sarria volverá converterse nun referente da música afroamericana coa celebración, entre os días 6 e 9 de agosto, da quinta edición do Festival Sarria & Blues no Camiño. A cita, organizada polo Concello de Sarria coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, ofrecerá unha ampla programación musical en diferentes espazos da vila.

A presentación oficial do festival terá lugar o xoves 6 de agosto no atrio da Igrexa de San Salvador, escenario habitual desta cita que mantén como lema “Un cruceiro no Crossroads”, unindo a tradición xacobea coa historia do blues e o camiño cara á liberdade da comunidade afroamericana. A inauguración comezará ás 20.00 horas coa participación dos gaiteiros da Pipers Blues Band e a actuación do bluesman Félix Slim, natural de Ceuta e afincado nos Estados Unidos. A programación da xornada continuará ás 22.30 horas no Paseo do Malecón cun concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria, que interpretará clásicos do blues e do jazz coa colaboración das cantantes Sara Somoza e Anita Miranda.

O venres 7 de agosto o protagonismo será para as actuacións de street blues en diferentes locais da vila, como Gourmet Padal, Cafetería D Pont, a terraza da Pizzería 17 e Cafetería O Chanto. Pola noite, o escenario principal situado en O Meigallo acollerá os concertos da banda coruñesa Misuria e de Sweet Marta & The Blues Shakers, formación liderada pola harmonicista Sweet Marta, considerada unha das artistas máis destacadas do blues europeo.

A programación continuará o sábado 8 cunha sesión vermú no Pub Don Pepe a cargo de Los Jorobados Miño e novas actuacións de street blues no Mesón O Tapas e na terraza de La Isla-Next. Un dos momentos máis agardados chegará ás 20.00 horas coa saída desde a Estación do Ferrocarril do tradicional desfile musical que percorrerá a Rúa da Liberdade. A comitiva estará amenizada por The Dixie Blinders, inspirada nas marching bands de Nova Orleans, e polo xa característico camión bluseiro do festival, acompañado polos vehículos do Club Clásicos Sarria e por todas aquelas entidades e veciños que desexen participar.

A xornada culminará ás 22.30 horas no Aparcadoiro do Campo do Río co concerto central do festival, protagonizado por Andrhea & The Black Cats e por Dorrey Lyles & Marcos Coll Band. O cartel reúne unha das voces afroamericanas máis recoñecidas do panorama actual co harmonicista compostelán afincado en Alemaña, considerado un dos músicos españois de blues con maior proxección internacional.

O festival pecharase o domingo 9 de agosto con novas actuacións de street blues no As de Picas e no Hotel Alfonso IX, ademais da tradicional festa-jam de despedida na Rúa da Música. A organización anima tamén á participación da veciñanza tanto no desfile do sábado como na decoración dos escaparates dos negocios con motivos relacionados co blues, unha iniciativa que xa tivo unha gran acollida nas primeiras edicións e que se pretende recuperar este ano.

0.13798904418945