O Sarria Blues no Camiño incorpora a Dorrey Lyles & Marcos Coll Band ao cartel da edición de agosto

SarriaXa
A cantante estadounidense e o músico galego compartirán escenario nun festival que se celebrará entre os días 6 e 9 de agosto
Dorrey-Lyles-and-Marcos-Coll-Band
7 Jul 2026

O festival Sarria Blues no Camiño continúa ampliando o cartel da súa próxima edición, que terá lugar entre os días 6 e 9 de agosto, coa confirmación dunha nova incorporación. A organización anunciou a presenza de Dorrey Lyles & Marcos Coll Band, unha formación que unirá sobre o escenario dúas traxectorias musicais consolidadas e unha colaboración artística iniciada hai anos na escena blues europea.

Dorrey Lin Lyles, natural de San Francisco, construíu unha ampla carreira musical actuando tanto en solitario como formando parte de recoñecidas formacións como Harlem Gospel Singers ou Weather Girls. A súa proposta musical combina influencias do gospel, jazz, soul e blues, estilos cos que conseguiu conquistar públicos de diferentes países.

Pola súa banda, Marcos Coll naceu en Madrid, aínda que medrou en Santiago de Compostela. Considerado un dos grandes referentes da armónica no blues, desenvolveu unha extensa carreira internacional tras a súa etapa coa banda Reyes del KO. Co paso dos anos ampliou horizontes musicais explorando xéneros máis alá do blues, consolidando unha traxectoria que o levou a actuar en escenarios de distintos países.

Ambos artistas coincidiron en Berlín, onde comezou unha relación musical que continúa activa na actualidade. Segundo explican desde a organización do festival, Marcos Coll xa fora un dos primeiros artistas cos que contactaran para a primeira edición do Sarria & Blues no Camiño. Porén, compromisos profesionais nun festival en Seúl impediron a súa participación durante os últimos anos.

Nesta ocasión, a coincidencia de datas permitiu facer realidade unha actuación longamente agardada. Desde a organización sinalan que o propio músico contactou recentemente para confirmar a súa dispoñibilidade, abrindo a porta á súa incorporación acompañado de Dorrey Lyles.

0.11879897117615