O Taekwondo Sarria pecha a súa participación no Mundial de Chuncheon con tres deportistas en Corea do Sur

SarriaXa
Álex alcanzou os oitavos de final tanto na competición individual como por tríos, mentres Brais Lombardero e Mateo Fernández tamén representaron ao club na cita internacional
ac-taekwondo-sarria-corea-setembro-2026
21 Sep 2026

O AC Taekwondo Sarria puxo fin á súa participación no Campionato do Mundo de Chuncheon 2026, en Corea do Sur, unha cita internacional na que o club sarriao estivo representado por tres deportistas. A entidade destacou especialmente a experiencia adquirida nun torneo que lles permitiu competir na considerada como berce do taekwondo.

Álex foi un dos representantes do club na modalidade individual masculina de menores de 30 anos. O deportista superou dúas eliminatorias, impoñéndose na rolda de 64 a un rival de Mauricio e na de 32 a un representante de Austria. O seu percorrido rematou nos oitavos de final, onde quedou eliminado fronte a Francia.

Ademais da súa participación individual, Álex competiu na modalidade de trío xunto a Carlos e Marco. O equipo superou a rolda de 32 ante Gran Bretaña e avanzou ata os oitavos de final, fase na que caeu fronte ao combinado de Irán.

A representación do Taekwondo Sarria completouse con Brais Lombardero e Mateo Fernández. Lombardero participou no trío cadete xunto a Julián e Hugo, chegando aos oitavos de final, onde o equipo quedou eliminado ante Australia.

Pola súa banda, Mateo Fernández competiu xunto a Alberto e Guillem. Neste caso, o trío disputou a rolda de 32, na que non puido superar ao equipo dos Estados Unidos.

Desde o AC Taekwondo Sarria valoraron positivamente o paso dos seus deportistas polo Mundial, máis alá dos resultados acadados. O club considera que foi "unha experiencia moi enriquecedora" que lles permitirá continuar medrando dentro desta disciplina.

A entidade destacou tamén o significado de viaxar ata Corea do Sur para disputar unha competición destas características. "A oportunidade de vir ao berce do taekwondo para poder participar nun evento como este é unha oportunidade única que aproveitamos e desfrutamos a partes iguais", sinalaron desde o club ao peche do campionato.

0.16118001937866