O teatro amador galego toma o Gustavo Freire de Lugo con catro representacións en setembro

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa
Achádego Teatro, Teatro Pesadelo, Rebuldeira Teatro e Tiruleque Grupo de Teatro actuarán os días 12, 13, 19 e 20 de setembro con entradas a 3 euros
presentacion-Teatro-Amador-Lugo
8 Sep 2026

O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá durante dúas fins de semana consecutivas o Circuíto Galego de Teatro Amador, que levará á cidade catro representacións os días 12, 13, 19 e 20 de setembro.

A programación está organizada pola Federación Galega de Teatro Amador (FEGATEA) xunto con Achádego Teatro, coa colaboración do Concello de Lugo, e permitirá ao público achegarse a diferentes propostas de grupos de teatro galegos. As entradas terán un prezo de 3 euros.

O Circuíto Galego de Teatro Amador nace co obxectivo de achegar o teatro afeccionado a diferentes localidades e favorecer que as agrupacións poidan levar os seus espectáculos fóra do seu ámbito xeográfico habitual. A iniciativa busca así dar visibilidade ao traballo que realizan os grupos de teatro amador e contribuír á difusión da actividade cultural galega por todo o territorio.

O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, destacou a importancia de manter este tipo de propostas dentro da programación cultural de Lugo. "Desde a Concellaría de Cultura queremos seguir facilitando espazos para que as compañías poidan amosar as súas propostas e para que a cidadanía poida achegarse ao teatro", sinalou. Vázquez puxo tamén en valor a participación de Achádego Teatro na organización do circuíto xunto con FEGATEA e agradeceu o seu compromiso coa actividade teatral.

Pola súa banda, Antón Sampaio, vicepresidente de Achádego e vicesecretario da Federación Galega de Teatro Amador, explicou que un dos obxectivos fundamentais da entidade desde a súa constitución foi precisamente "poder difundir o Teatro Amador por toda a comunidade galega". Neste sentido, destacou a importancia de que os grupos que desenvolven un traballo de difusión cultural no ámbito local poidan amosar as súas montaxes noutras localidades de Galicia e dar a coñecer o seu traballo e esforzo.

Sampaio sinalou tamén que estes circuítos se desenvolven ao abeiro dun convenio coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e coa colaboración dos concellos participantes. En total, permiten organizar máis de 20 circuítos en diferentes localidades galegas, con catro representacións en cada unha delas, o que supón preto de 100 funcións en toda Galicia. Segundo explicou, trátase dunha iniciativa que mobiliza un número importante de público e que leva anos contribuíndo á difusión do teatro amador. Os circuítos comezaron a celebrarse en 2007, polo que se achegan xa ás dúas décadas de actividade.

A programación do Gustavo Freire

A primeira proposta correrá a cargo de Achádego Teatro, o 12 de setembro ás 20.30 horas, e estará dirixida ao público familiar. "Profundando nas cousas da vida" pon en escena pequenas historias de Cousas e outros relatos de Castelao, a través dos que o autor retratou a Galicia, a súa cultura e a súa realidade socioeconómica. As historias achegan tamén figuras como os emigrantes, as persoas maiores, os afogados no mar, os fachendosos e os nenos.

Teatro Pesadelo levará ao Gustavo Freire, o 13 de setembro ás 18.30 horas, unha nova comedia destinada ao público adulto. "Xa é hora" presenta a unha actriz fracasada que agarda tras o pano o comezo da función. A chegada dunha visita inesperada, absurda e misteriosa provocará un xiro na vida da protagonista. A montaxe aborda as miserias humanas e as precarias condicións ás que se enfrontan as actrices e os actores no país.

A terceira función será "Vermello", de Rebuldeira Teatro, o 19 de setembro ás 20.30 horas, unha proposta para público familiar que combina comedia e drama. A peza mestura as vidas de Manuel Díaz, coñecido como o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco e persoas anónimas coa historia de ficción creada por Rebuldeira Teatro arredor da Guerra Civil.

O ciclo pecharase con "A conspiración da piolla", de Tiruleque Grupo de Teatro, o 20 de setembro ás 18.30 horas, tamén destinada ao público familiar. Trátase dunha comedia ambientada nun país imaxinario na época actual, onde un comando contrario ao réxime establecido prepara un atentado contra o tirano que goberna o país.

As entradas para as catro representacións terán un prezo de 3 euros e poderán adquirirse no propio Auditorio Municipal Gustavo Freire o día de cada función, na Oficina Municipal de Turismo da Praza do Campo ou a través do portal entradaslugo.es.

0.12992286682129