O Terra Brava do Incio encherá este sábado a carballeira de música, gastronomía e actividades para todos os públicos

SarriaXa
O festival celebrarase este 15 de agosto cun programa que arrincará ás 13.00 horas e que contará con actuacións de Xosé Lois Romero & Aliboria, Calle Mambo, Lamatumbá e Trocamba Matanusca
presentacion-cartel-Terra-Brava-O-Incio-26
15 Aug 2026

O Concello do Incio acollerá este sábado 15 de agosto unha nova edición do festival Terra Brava, unha cita que combina música en directo, tradición, gastronomía e actividades familiares nunha intensa xornada que se desenvolverá ao longo de todo o día na carballeira.

A programación arrancará ás 13.00 horas coa apertura da sesión vermú amenizada por Xampó. Pouco despois, ás 13.45 horas, a Charanga Bicoia percorrerá o recinto para animar o ambiente previo ao xantar popular, previsto para as 14.30 horas. A formación volverá actuar ás 15.45 horas.

As actividades continuarán durante a tarde coa celebración de obradoiros infantís a partir das 16.00 horas e cunha foliada libre desde as 17.00 horas, convertendo o festival nun punto de encontro para persoas de todas as idades.

A programación musical da noite comezará ás 21.00 horas coa actuación de Xosé Lois Romero & Aliboria, unha das propostas máis destacadas desta edición. O grupo presentará o seu particular enfoque da música tradicional galega, combinando voces, percusión e arranxos contemporáneos.

Ás 22.45 horas será a quenda de Calle Mambo, mentres que Lamatumbá tomará o escenario ás 00.15 horas cun dos concertos máis agardados da xornada. A festa continuará ás 01.30 horas con Trocamba Matanusca e rematará coa sesión de DJ Um Sincero, programada para as 03.00 horas.

O festival conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Xunta de Galicia e do Concello do Incio. Ademais da programación musical, a organización habilitará unha zona de acampada e outra para caravanas co obxectivo de facilitar a asistencia ao evento e consolidar Terra Brava como unha das citas culturais e festivas de referencia do verán na comarca.

0.1340229511261