O Urban 3x3 converterá a Praza da Vila de Sarria nun gran escenario de baloncesto urbano

SarriaXa
O torneo celebrarase os días 12 e 13 de xuño con catro pistas simultáneas, competición nocturna, música en directo e máis de 2.000 euros en premios
URBAN-3X3-SARRIA-2026
12 Jun 2026

A Praza da Vila de Sarria transformarase os próximos 12 e 13 de xuño nun punto de encontro para os afeccionados ao baloncesto coa celebración dunha nova edición do Urban 3x3 Sarria, unha cita que se consolidou como unha das propostas deportivas máis destacadas do verán no municipio.

A presentación oficial do evento tivo lugar este mércores coa participación da tenente de alcalde, Reyes Abella; do concelleiro de Deportes, Félix Seijas; da concelleira Mónica López; do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; e de representantes da directiva e do corpo técnico do CB Sarria, club encargado da organización do torneo.

Durante dúas xornadas, o centro da vila acollerá unha intensa programación deportiva arredor da modalidade 3x3, cun total de catro pistas oficiais funcionando de maneira simultánea. Os encontros estarán dirixidos por árbitros federados e contarán cun ambiente especialmente pensado para combinar deporte e lecer, coa presenza de DJ, speaker en directo e partidos que se prolongarán ata a noite.

O evento repartirá máis de 2.000 euros en premios entre os participantes e incluirá tamén un concurso de triples que premiará á persoa vencedora con 100 euros.

O concelleiro de Deportes, Félix Seijas, destacou durante a presentación a capacidade desta iniciativa para atraer público máis aló da propia competición. Segundo sinalou, trátase dun deses acontecementos nos que a xente acode para ver un encontro e acaba permanecendo durante horas grazas ao ambiente que se crea ao redor das pistas.

Desde a organización e as institucións colaboradoras animan tanto á veciñanza como aos visitantes a achegarse á Praza da Vila para seguir os partidos e gozar dunha fin de semana na que o baloncesto urbano será o gran protagonista.

0.11556720733643