O Verbena Fest de Sarria confirma a Fillas de Cassandra como nova incorporación ao cartel

GaliciaXa | SarriaXa
O festival celebrarase os días 31 de xullo e 1 de agosto e suma ao seu programa a unha das formacións máis destacadas da música galega actual
Fillas-de-Cassandra
5 Jun 2026

O Festival Verbena Fest, que terá lugar en Sarria os días 31 de xullo e 1 de agosto, vén de anunciar a incorporación dun novo grupo ao cartel desta edición de verán, reforzando así unha programación que continúa a medrar en cada convocatoria.

O equipo organizador lembra que hai uns anos, durante unha visita a Burela para despedir a tempada nun evento como o festival Osa do Mar, descubriron a unha formación que naquela altura xa comezaba a destacar con forza dentro da música galega. Aquel directo deixou unha forte impresión no equipo, que recoñece que desde ese momento xurdiu o desexo de contar con ese grupo no seu propio festival.

Co paso do tempo, esa banda foi consolidando a súa carreira, enchendo escenarios e converténdose nun dos nomes máis recoñecidos e singulares do panorama musical galego actual. Agora, tres anos despois daquela primeira impresión, o Verbena Fest confirma finalmente a súa presenza no cartel.

Fillas de Cassandra é unha proposta artística que se deu a coñecer como unha das máis relevantes da escena galega contemporánea. Trátase dun dúo formado por Sara Faro e María Soa que combina tradición e modernidade, mesturando a música de raíz con sonoridades electrónicas e pop experimental. As súas composicións destacan polo uso da lingua galega e por abordar temas como a identidade, o feminismo e a memoria colectiva, consolidándose como unha das formacións máis influentes e recoñecidas da nova música galega.

0.11353611946106