O xurado do XXIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño elixiu o poemario de Helena Salgueiro Golán

SarriaXa
'Amor Palimpseta', presentado baixo o lema 'Fantasmeta & coop' desprega unha paisaxe híbrida, cunha engrenaxe paratextual moi rica e complexa, que alicerza unha reflexión arredor do amor e da escrita
premio-Fiz-Vergara-Ergueitas-Sarriaa
27 Nov 2024

O xurado da XXIV edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Alba Cid, Silvia Penas e Antón Lopo, actuando como secretaria a presidenta da Asociación Cultural Ergueitas, María Casar e como presidente o concelleiro da Área de Cultura de Sarria, César No, reuniuse para proceder a realizar as deliberacións definitivas antes do ditame.

Desta maneira, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o galardón ao poemario 'Amor Palimpseta', presentado baixo o lema 'Fantasmeta & coop', unha obra de Helena Salgueiro Golán.

Esta, din "é unha proposta de superación dos xéneros desde a forma e desde a propia elaboración teórica para realizar un discurso que se adentra na construción dunha voz poética non constrinxida a ningún rexistro determinado. Un poemario vórtice, concibido desde a fragmentación textual e a hibridez xenérica".

Así, a autora espállase en diversas artes, fai acopio de materiais e compárteos con quen le, confiando na (in)finitude do libro e neste canto de amor á escritura e exercicio de escritura sobre o amor explórase este último como macrotexto sagrado.

Palimpsesta é un poemario que desprega unha paisaxe híbrida, cunha engrenaxe paratextual moi rica e complexa, que alicerza unha reflexión arredor do amor e da escrita. Fragmentario e experimental, porén coa unidade e coherencia dun proxecto firme e complexo. Imaxes lúcidas, ironía e humor e unha ramificación de voces e texturas, múltiples formas que o converten nun libro-corpo colectivo "cheo de vida e posibilidades", destacan desde Ergueitas.

0.15728902816772