O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria arranca cunha intensa programación para todos os públicos

GaliciaXa | SarriaXa
A cita reunirá ata o domingo a 17 artistas da maxia e o ilusionismo en diferentes espazos da vila
maxia-Sarria-Roberto-Lolo
20 Aug 2026

Sarria dá comezo este xoves, 20 de agosto, á XXI edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, un dos eventos culturais máis consolidados do verán galego. Ata o domingo 23 de agosto, un total de 17 artistas especializados en maxia e ilusionismo ofrecerán espectáculos en distintos puntos da vila, con propostas dirixidas a públicos de todas as idades.

A programación inaugural arrancará ás 11.00 horas no Parque do Chanto cun espectáculo infantil do programa Sarria Concilia protagonizado por Samuel Moreno e Sara Rodríguez. Posteriormente, ás 12.30 horas, o Mercado Paladar Gourmet acollerá unha sesión vermú de maxia de preto na que participarán Sara Rodríguez, Roberto Lolo e Samuel Moreno.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, a Escalinata converterase no escenario do espectáculo familiar Peregrinos no Camiño, interpretado pola pallasa Lilina. Unha hora despois, ás 19.00 horas, a terraza de Travesía dos Soños et Suseia acollerá unha nova actuación familiar con Sara Rodríguez e Magic Almendros.

A programación continuará ás 20.00 horas en Calzados Gayoso cunha sesión especial de maxia infantil a cargo de Borjini e Samuel Moreno. Máis tarde, ás 21.00 horas, a terraza do Hotel Alfonso IX será escenario dun espectáculo familiar no que participarán Bruxo Cabacín, Sara Rodríguez e Shiro Mentalista.

A primeira xornada rematará ás 22.30 horas coa gran gala inaugural en Meigallo, que reunirá sobre o escenario a Roberto Lolo, Mino e Arthur, Marina e o Profesor MacFer. O espectáculo marcará o inicio oficial dun festival que converterá durante catro días a Sarria nun referente da maxia en Galicia.

0.12174487113953