Oito mulleres e unha mesma paixón: nace en Sarria Por Vir, o novo grupo de pandeireteiras que recupera a música tradicional

SarriaXa
O colectivo xorde das aulas da Asociación Cultural Peleriños para dinamizar foliadas e festas na comarca e reivindica a tradición a partir de pezas recollidas directamente da cultura popular
Asociación-Por-Vir-Sarria-Toño-de-López
Foto de Toño de López
11 Oct 2026

Jessica Fernández

Sarria conta cun novo grupo de pandeireteiras. Por Vir está formado por oito mulleres vinculadas á Asociación Cultural Peleriños: Beatriz Chaos, Ruth Pérez, Nerea Iglesias, Jessica Blanco, Lucía Rodríguez, Jennifer López, Raquel Seoane e Alba Fernández. A maior parte delas participa nas clases de pandeireta ou baile da asociación e agora dan un paso máis para levar a música tradicional a festas, foliadas e actividades culturais.

A idea comezou a tomar forma hai arredor de dous anos, impulsada pola profesora de baile, cantareira de Cántigas e Frores de Lugo. As integrantes comezaron a reunirse para tocar xuntas e, ao comprobar que había conexión entre elas e que o resultado tiña posibilidades, decidiron continuar cos ensaios e converter o proxecto nun grupo estable.

A iniciativa ten tamén un carácter pioneiro na comarca, xa que Por Vir sería o primeiro grupo de pandeireteiras de Sarria. Na provincia de Lugo existen formacións como Cántigas e Frores ou A Volta do Agro, pero son poucas as agrupacións especializadas neste ámbito, polo que as integrantes consideran que existe espazo para unha proposta deste tipo.

UNHA TRADICIÓN QUE PARTE DA MEMORIA REAL

A filosofía de Por Vir está directamente ligada á da Asociación Cultural Peleriños: achegarse á música e ao baile tradicional desde o respecto pola súa realidade histórica. As pezas que traballan parten de recollidas realizadas a mulleres que conservaron estas músicas na súa vida cotiá.

" O obxectivo principal é mostrar que, a pesar de que non calquera persoa pode tocar de forma competente, se vas a unha asociación con bos mestres, te esforzas, tes talento e complicidade coas compañeiras, podes sacar cousas de calidade que poden representar a un pobo", explica Beatriz Chaos.

O grupo busca, polo tanto, evitar engadidos ou modificacións que non formen parte da tradición. As integrantes traballan coas pezas documentadas e realizan a súa propia preparación para levalas ao escenario, pero sen introducir floreos ou coplas alleas ás formas nas que foron recollidas.

Esta maneira de entender a tradición tamén conecta co interese que perciben actualmente por recuperar as foliadas e a participación veciñal. Nas festas, consideran que a presenza dunha orquestra pode convivir coa música tradicional e que cada vez hai máis persoas dispostas a bailar, tocar e recuperar formas de diversión colectiva que estaban presentes noutras épocas.

APRENDER DE QUEN CONSERVOU A TRADICIÓN

Para coñecer esas formas musicais, Por Vir segue o mesmo modelo de traballo da asociación e conta con profesorado con experiencia na investigación e recollida da tradición oral. Moitas destas recuperacións realizáronse especialmente a partir dos anos noventa, cando se comezou a recuperar con maior intensidade unha cultura popular que durante décadas quedara relegada.

Os investigadores percorreron aldeas e falaron con persoas que mantiveran estas prácticas na súa vida diaria, observando tamén momentos de encontro nos que se tocaba, se cantaba, se bailaba e se compartía tempo. Ese material é agora unha das referencias para o traballo das oito integrantes.

Manter un grupo destas características require tamén compromiso. Por Vir está formado actualmente por oito mulleres porque reunir máis persoas para ensaiar con regularidade e asumir o proxecto cunha certa profesionalidade resulta complicado. A preparación implica organizar horarios e renunciar a outras actividades, polo que prefiren consolidar o grupo coas integrantes actuais e continuar medrando pouco a pouco.

O obxectivo é seguir participando en festas e actividades culturais, tanto en Sarria como noutros puntos da provincia de Lugo, e manterse abertas ás propostas que poidan xurdir.

O nome do grupo tamén nace directamente da súa historia. As integrantes reúnense para ensaiar na rúa Por Vir, en Sarria, e acabaron escollendo ese nome para identificar a formación. Foi unha decisión na que tamén influíu o vínculo desta rúa coa localidade e o xogo de palabras que permitía o nome.

Por Vir nace así como unha proposta nova, pero cunha base construída ao longo de anos de formación na Asociación Cultural Peleriños. A agrupación considera que Sarria conta cunha importante actividade cultural, aínda que existen dificultades para que as asociacións poidan desenvolver os seus proxectos.

A REIVINDICACIÓN DE ESPAZOS PARA A CULTURA EN SARRIA

Entre as principais necesidades que sinalan está precisamente a falta de espazos públicos para ensaiar e impartir clases. A Casa da Cultura non dispón de salas suficientes para acoller actividades de música e baile, polo que Peleriños ten que buscar alternativas.

Actualmente, por exemplo, a asociación mantén tres aulas infantís simultáneas e utiliza o IES Gregorio Fernández, unha instalación pública que non pertence ao Concello e cuxa dispoñibilidade depende de diferentes circunstancias. Desde Peleriños valoran a colaboración recibida por parte do centro e da Xunta, pero consideran necesario contar con espazos especificamente destinados ao tecido cultural.

Tamén botan en falta un auditorio no que poder presentar os seus proxectos. A intención era organizar unha foliada para marcar o inicio do curso e contar coa participación de Por Vir, pero a falta dun lugar adecuado dificulta este tipo de iniciativas, especialmente durante o inverno.

Para o grupo, contar con instalacións públicas preparadas para as actividades das asociacións permitiría non só reducir os gastos que implica pagar espazos privados, senón tamén facilitar que iniciativas culturais como Por Vir poidan seguir medrando en Sarria.

0.14404106140137