Olalla Rodil afirma que os orzamentos da Xunta "non traen nada novo" para a provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
"O PP repite un ano máis os anuncios de sempre, incluso rebaixa algúns se o comparamos co 2026", explica
olalla-rodil-parlamento-galicia
20 Oct 2026

A deputada do BNG no Parlamento Galego por Lugo, Olalla Rodil, fixo unha valoración negativa dos investimentos da Xunta de Galiza para a provincia de Lugo. Rodil afirmou que a proposta da Xunta "non trae nada novo, o PP repite un ano máis os anuncios de sempre, rebaixando incluso algunhas partidas se o comparamos co ano 2026".

Olalla Rodil afirmou que Galiza está pasando por "unha enorme emerxencia habitacional", e afirmou que "esta situación ten no goberno do PP na Xunta ao principal responsábel". Rodil lembrou que a chegada do PP ao goberno galego "demoleu" a política social de vivenda "paralizando a construción de vivenda pública durante máis de 10 anos".

"A cidade de Lugo é boa mostra diso, en Lugo non se construíu nin unha soa vivenda pública entre 2009 e 2024, durante 15 anos, e a día de hoxe segue sen entregarse ningunha", dixo Rodil. Actualmente, as únicas vivendas que están en construción son as 146 de Garabolos, na Avenida Paulo Fabio (parcelas C1 e B3), "todo o demais son anuncios que non van materializarse de maneira inmediata", afirmou Olalla Rodil, que engadiu "desde o BNG temos claro que ante o gravísimo problema da vivenda é preciso actuar aquí e agora". Para este fin, o BNG emendará os orzamentos para incluír unha partida de 240 millóns de euros para a compra pública de vivenda xa construída, "o que permitiría mobilizar 1.400 vivendas en réxime de alugueiro, tamén en Lugo", dixo Rodil.

Rodil afirmou que o proxecto presentado polo PP "non trae nada novo, repiten os mesmos anuncios de sempre, algúns mesmo rebaixados en relación a 2026". Trátase, segundo dixo Rodil, "dos mesmos anuncios e promesas do PP desde hai máis dunha década e que moitos casos nin sequera comezaron". Isto acontece na cidade de Lugo co Plan Paradai (coa habitual partida de 500.000€), e con outros proxectos como o Porto Seco de Monforte (500.000€) ou coa VAC Costa Norte (3,1 millón de euros, rebaixando os 4 millóns orzamentados en 2026 malia que non se executou nin un só euro). "Trátase de promesas que se levan repetindo ata 17 anos sen dar pasos concretos", dixo Rodil.

As contas para o 2027 inclúen tamén a partida dedicada á construción dun novo centro de saúde no Concello de Antas de Ulla, "unha nova infraestrutura sanitaria necesaria que leva pendente desde 2021 cando o goberno do PP asinou un convenio de colaboración co concello para levar a cabo a construción", lembrou a deputada do BNG, quen afirmou que "levamos anos vendo como se suceden os anuncios, máis a obra nin sequera comezou e iso que a Xunta dixo que comezarían a principios deste ano". Estes mesmos incumprimentos repítense no Centro de Saúde da Milagrosa que continúa acumulando atrasos co enorme prexuízo que está a causar á veciñanza deste barrio da cidade de Lugo, "10.000 persoas que se vén obrigadas a desprazarse até o CIS da residencia para recibir atención sanitaria", afirmou.

Rodil afirmou, a respecto deste proxecto, que "se hai algo que caracteriza ao Partido Popular en cada proceso de debate e de tramitación de orzamentos, no que ten a ver con Lugo é fume e propaganda, incumprimentos e chapuzas".

0.13776588439941