Os afectados pola LAT en Sarria organizaron unha reunión "moi interesante"
Os afectados pola liña de alta tensión LAT 220Kv SET PE Chao do Marco – SE Belesar (REE) e SEC Soilán de Sarria organizaron unha reunión coa colaboración da Sociedade Cultural e Recreativa La Unión, que lles cedeu o local.
A charla informativa sobre a instalación da LAT, que discorre pola comarca de Sarria, afectando tamén a outras zonas da provincia de Lugo como Becerreá, Baralla, Láncara, Paradela, O Saviñao e Chantada; estivo impartida por Jado, presidente da asociación Ventonoso en colaboración coa Deputación de Lugo.
Desde o grupo de afectados de Sarria din que "a reunión resultou moi interesante debido a que se nos foron aclarando varias dúbidas nas que estabamos sumidos respecto desta instalación, á vez que nos embarga unha enorme preocupación. Unha vez máis se fixo patente as numerosas deficiencias achadas, as constantes omisións de datos, a incoherencia nos trazados, a clara desconfianza que entraña este proxecto, entre outras moitas, sen deixar de mencionar a impotencia que sentimos ante semellante atropelo ao máis débil", explican.
Ademais, din que teñen unha "fría sensación sobre a nula valoración que se fai do núcleo rural, medio de vida e sustento de moitas familias, a ausencia total de consideración cara á parte humana, do mesmo xeito que o correspondente a flora e fauna. Entendemos que este proxecto non está baseado nin enfocado a un ben para os cidadáns, máis ben todo o contrario, no beneficio económico para a empresa promotora do proxecto, Enel Green Power, deixando clara a falta de ética, lóxica e coherencia á que estamos afeitos", sosteñen.
Desde o grupo de afectados da zona de Sarria rematan destacando "a desidia e o total abandono que sentimos por parte dos organismos públicos, dando a calada por resposta a unha petición solicitada co único fin de explicar, aclarar as lóxicas dúbidas que se nos expoñen aos afectados e buscar alternativas o máis satisfactorias para todos, deixándonos claro que por e para o pobo non están", conclúen.